Santiago de Compostela, 22 de Setembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita a Burela para referirse á situación de VESTAS e reclamar ao Goberno de Feixóo que evite o peche da empresa nunha comarca, a da Mariña, en pleno declive industria e con ALCOA no abismo con miles de postos de traballo en risco.
A líder nacionalista considera inaudito que se destrúa emprego no sector eólico en pleno boom depredador e formula unha proposta: que nos concursos públicos de novos parques se prime aqueles vinculados a un proxecto industrial e con creación de emprego.
“Non podemos consentir que se perda emprego no sector eólico nas poucas industrias que aínda quedan, por iso, ademais de pedirlle á Xunta que interveña para evitar o peche de VESTAS, propoñemos que os novos desenvolvementos eólicos deben usarse a favor de Galiza, por tanto, estar vinculados a plans industriais e que nos concursos puntúen máis aquelas empresas que aposten por producir aquí unha parte do proceso de instalación dos parques”, explicou.
Só se precisa “vontade política” que evitaría que empresas como VESTAS, como antes Siemens-Gamesa, abandonen o País, recalcou Pontón, insistindo en que os recursos de Galiza deben servir para xerar riqueza e emprego no País. “E iso pasa, entre outros factores, por unha tarifa eléctrica galega diferenciada e máis barata suprimindo os custes de distribución posto que somos produtores”, recalcou, desde o convencemento de que esta medida sería o mellor incentivo fiscal para as empresas e a instalación doutras novas.
De visita en Burela para abordar a situación da atención primaria, Pontón propuxo un Plan industrial para A Mariña, que conte con financiamento dos fondos europeos de recuperación económica, -Next Generation-, para frear a desertización industrial que supuxo a desaparición de empresas emblemáticas na comarca.
A líder do Bloque tamén abordou a situación da sanidade pública coa Plataforma en defensa da sanidade na Mariña, tras un encontro ante o centro de saúde de Burela. “Estamos diante do centro de saúde de Burela, pero poderíamos estar diante do centro de saúde de Foz, de Ribadeo ou de Viveiro, todos eles impactados polos recortes da Xunta”, destacou Pontón, que afectan particularmente á Atención Primaria.
“Por primeira vez na historia, os galegos e as galegas non teñen garantida a consulta presencial e faltan recursos, faltan médicos e persoal sanitario de todas as categorías, non se cobren as baixas, non se cobren as vacacións e os profesionais están esgotados, cansos e cansas de ter que multiplicarse e facer máis, cada vez con menos medios, e teñen todo o noso recoñecemento”, indicou.
Centros de saúde sen os medios necesarios
En centros de saúde como o de Burela o SERGAS suspendeu as consultas das tardes e bloqueou as citacións sen dar explicacións; no de Foz seguen os problemas co servizo de pediatría e seguen esperando polo servizo de matrona; en Ribadeo tamén faltan profesionais para a quenda de tarde e o de Vieiro leva moito tempo con problemas para cubrir as baixas.
Para reverter os recortes, o BNG propón un investimento urxente en Atención Primaria de 200 M€, “que entre outras cuestións permitiría contratar a todo o persoal sanitario que se precisan nos centros de saúde da Mariña”, alegou. Tamén recuperar as consultas presenciais sen listas de agarda para todas as persoas que o soliciten e contratar as prazas vacantes no SERGAS, “porque unha sanidade pública de calidade require profesionais, médicas, enfermeiros, administrativos, fisioterapia ou saúde mental”.
Igualmente, recuperar as xerencias en Atención Primaria con capacidade organizativa e, no caso da Mariña, recuperar a Area Sanitaria suprimida polo Goberno de Feixóo que tamén supón un deterioro de servizos no hospital comarcal. No encontro coa plataforma tamén participaron, entre outros, o deputado da comarca Daniel Castro, a responsable comarcal e alcaldesa de Barreiro, Ana Hermida.