Site icon Crónica3.com A Mariña

“Pistas de atletismo na Mariña si, mais non de calquera maneira”, di o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’

Foz, 30 de setembro, 2021. Debido á transcendencia do asunto, e en relación ao debate ocasionado pola reportaxe publicada nun xornal de tirada provincial o 28 deste ano, e á resposta da mesma que a Federación Galega de Atletismo realiza na súa páxina web, a Directiva do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ quere expresar o seguinte:

1) Dotar á comarca da Mariña cunhas pistas de atletismo é un obxectivo que o noso Club tivo en mente desde o momento da súa fundación. Tanto é así, que no último ano e medio traballamos, de maneira moi activa, para que esa necesidade se transformase en realidade. Cremos que é doado coincidir en que o atletismo é un deporte que conta, en todas as súas modalidades, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na nosa comarca de clubs e atletas.  Ademais, o feito de carecer dunhas pistas de atletismo de referencia na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer.

2) O pasado 30 de abril de 2021, a iniciativa do ‘Ría de Foz’, reuníronse, na nosa vila, todos os Clubs vinculados na comarca da Mariña ao mundo do atletismo (Club Atletismo Ría de Foz, Club Atletismo Ribadeo, Club Atletismo Lourenzá, Club Atletismo Burela, Club Deportivo Egobarros Viveiro, Peña Lar Viveiro, Toxiza Clube de Montaña e S.D. Albións A Pontenova). Nesa reunión de traballo asinouse un manifesto onde as distintas entidades entendían que “o concello de Foz, como centro neurálxico da comarca da Mariña, cumpre os requisitos para ser a ubicación lóxica e racional destas futuras pistas de atletismo”. Desde ese momento, intensificamos as reunións coas distintas administracións e entidades (e das que a Federación Galega de Atletismo era boa coñecedora): Concello de Foz, Deputación de Lugo e asociacións de outra índole, amosándose todas elas favorables ao estudo profesional que acredita a viabilidade do proxecto das pistas de atletismo na vila de Foz.

3) O 9 de setembro de 2021, de maneira sorpresiva, a Federación Galega de Atletismo anuncia na súa web que: “A Xunta e o Concello de Cervo impulsan a primeira pista homologada da Mariña”. En primeiro lugar, queremos deixar constancia de que calquera aposta decidida polo atletismo é algo que desde a nosa entidade sempre aplaudiremos, veña de onde veña e se localice onde se localice. Iso si, sempre que esta naza desde o acordo e a planificación e cumpra coas necesidades reais da comarca. Deste xeito, consideramos que o posicionamento e traballo a prol do deporte, e neste caso do atletismo, por parte de calquera organismo, concello ou entidade é algo de suma importancia. Polo tanto, aplaudiremos a calquera concello que tente apostar pola dotación dunhas instalacións deportivas verdadeiramente útiles, tanto para adestrar como para competir.

4) Con todo, e sen ánimo de enarborar a bandeira do localismo como algún dirixente da Federación Galega de Atletismo deixou caer nin entrar en polémicas absurdas, si queremos pór sobre a mesa certas cuestións que lle preocupan á nosa entidade sobre a execución das chamadas “Pistas de Atletismo da Mariña”. En primeiro lugar, temos a sensación de que coa opción escollida se busca cubrir un baleiro existente sen pensar na calidade da execución da obra. Desde fóra, e tamén desde as persoas que están dentro do mundo atlético cunha dilatada traxectoria, observamos como esta manobra vén a ser unha operación de maquillaxe, un remendo ou un parche máis que unha solución debidamente meditada, dada a importancia da mesma, e consensuada cos clubs da comarca, máis aínda cando se dá en dicir que estas serán as pistas de referencia na Mariña.

Coa opción escollida, temos que aceptar e dar por bo un óvalo de seis rúas no lugar de oito (coa redución de opcións que isto supón, como non poder acoller campionatos de España), arredor dun campo de céspede sintético no que se desprazará a práctica dos lanzamentos longos (xavelina, disco e martelo) e o peso a “unha zona anexa”, zonas que non aparecen recollidas no proxecto. Moito menos tranquilizante e prometedor é, por parte da FGA, dicir que as pistas homologadas poderán acoller “inclusive algunhas modalidades de Campionatos de Galicia”. Iso é todo o que se ambiciona? Só para iso se queren estas pistas? Por non deternos xa en cuestións de homologación. Segundo os criterios da RFEA, que establece unhas bases mínimas e categorías de homologación, este proxecto acadaría un nivel 1 de ata 5 niveis de homologación de pistas, é dicir, o mais baixo da categoría.

Ademais, preocúpanos que se escolla como “localización idónea” unha vila que non conta no seu seo, nin nos concellos máis próximos a ela, cunha estrutura consolidada de club de atletismo con licenza federada. Asentar o futuro atlético da Mariña sobre as “ruínas” dunha “pistas”, que no seu día quedaron en desuso, e sen ter detrás o traballo dun Club de atletismo cunha práctica activa e consolidada non convida ao optimismo nin á tranquilidade.

Xa por último, queremos amosar a nosa incomprensión e sorpresa sobre o tipo de argumentación que representa sinalar, no “Comunicado da Federación sobre a reforma das pistas de Cervo”, o seguinte: “está prevista a realización dun circuíto de campo a través, polo que se creará un complexo atlético que non discrimina a ningunha especialidade e que pode converterse nun referente para outros concellos galegos”. Que terá que ver a realización dun circuíto de campo a través (veremos para quen, como, en que condicións e se se leva finalmente adiante) co proxecto en discusión de reforma das pistas de Cervo? O sabio sinala a lúa e o necio mira o dedo?.

Lamentamos, tamén, que algún directivo da FGA estea máis preocupado de acaparar titulares na prensa e fotografías pola comarca que de tratar a cuestión que nos ocupa coa rigorosidade, a obxectividade e a importancia que merece.

Sen máis, agardamos que se entendan ben as nosas reflexións, que non se caricaturicen ou terxiversen e que sirvan para un debate profundo e realista sobre esta cuestión. Agardamos non ter que lamentar no futuro os erros subsanables do presente.

Pistas de atletismo na Mariña si, mais non de calquera maneira

Exit mobile version