Burela, 27 de setembro, 2021. No seu incansable traballo de pretempada, o Pescados Rubén Burela FS de Primeira Masculina tomouse un respiro para gozar dun día en contacto coa natureza, coa visita á espectacular Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo. Xogadores e corpo técnico exerceron de espeleólogos por un día para ser testemuñas da gran beleza da cova natural máis grande de Galicia, con máis de 6.500 metros de galerías con formacións de estalactitas e estalagmitas.
Coa invitación do Concello de Mondoñedo e acompañados do edil de Deportes, Manuel Tapia, o conxunto mariñán tamén puido coñecer algúns dos lugares con máis encanto e maxia da histórica cidade e da súa catedral, gran referencia e parada obrigada no Camiño Norte a Santiago.
Agora as Guerreiras Laranxas tamén quixeron incluír este grande atractivo na súa axenda; o mércores cambiarán o balón polo casco de seguridade para gozar da experiencia.