Viveiro, 20 de setembro de 2021. Os socialistas amosan a súa indignación e rechazo polo anuncio do peche por parte da empresa Vestas en Viveiro. A Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero dixo que “este anuncio supón unha decisión inxusta para as traballadoras e traballadores e a súas familias, e un novo golpe para a Comarca da Mariña”.
Otero emprazou á dirección da empresa VESTAS “a que reconsidere esta decisión e asegure o mantemento dos postos de traballo en Viveiro”. Ademais a líder socialista demandou á Xunta e ao Goberno de Feijóo “a que no ámbito das súas competencias exclusivas en materia de política industrial, e en colaboración do Goberno do Estado, execute e impulse todos os esforzos posibles para atopar alternativas a este peche, co fin de lograr a reindustrialización da Mariña Lucense”, expuxo.
“O anuncio deste peche é un golpe moi importante para os traballadores de Vestas en Viveiro e tamén para toda a Mariña Lucense, e deben recibir todo o apoio de tódalas administracións. E dende o PSdeG traballaremos incansablemente para abrir vías de dialogo e negociación, co fin de solventar esta situación”, dixo Patricia Otero.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou a súa solidariedade e compromiso cos 115 traballadores afectados polo peche de Vestas en Viveiro, unha noticia feita pública hoxe sen que se coñeza implicación da Xunta.
“A Xunta ten as competencias en política industrial, pero a súa única política é a inacción”, subliñou o líder do PSdeG, quen recordou ao goberno galego que “hai máis de 100 traballadores de Vestas agardando algún tipo de solución” por parte do executivo autonómico.
“Fai falla un goberno galego que asuma as súas competencias e que aposte polo futuro de Galicia”, incidiu o dirixente socialista, crítico co feito de que a Xunta non tome medidas para articular alternativas ao peche dunha planta que leva máis de 20 anos na Mariña lucense.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero volveu requirir á Xunta un plan para a industrialización da Mariña, que aposte por novos proxectos industriais para xerar emprego nesta bisbarra lucense.