Riotorto, 27 de setembro de 2021. Os Alcaldes Socialistas da Pontenova, Darío Campos; Meira, Antonio de Dios; Pastoriza, Primitivo Iglesias; Pol, Lino Rodríguez e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández amosaron hoxe o seu rexeitamento ao emprazamento da planta de transferencia de residuos en Riotorto anunciada pola Xunta. Así o dixeron, tras coñecer no día de hoxe e durante a presentación deste proxecto, cal ía ser a ubicación desta nova construción.
Os socialistas apoian as reivindicacións da veciñanza da parroquia de Aldurfe en Riotorto, que se opoñen a que se instale neste núcleo rural esta nova planta de residuos. E onde hoxe un grupo de veciños e veciñas realizou unha protesta durante a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na que anunciou a licitación da construción desta planta que dará servizo aos concellos de Riotorto, A Pontenova, Meira, A Pastoriza, Pol e Ribeira de Piquín.
“Tal e como puidemos comprobar no día de hoxe os veciños opóñense a esta ubicación xa que esta demasiado preto das súas vivendas e das súas explotacións gandeiras, polo tanto dificultaría o seu traballo diario e tamén conta con peores accesos para esta planta”, advirten os rexedores socialistas. “Polo tanto botamos en falta máis diálogo cos veciños, e máis sentido común por parte da administración autonómica e o Concello de Riotorto para esta ubicación”, din.
Nesa liña os Alcaldes socialistas lembran que nestes intres xa existe un emprazamento idóneo para a ubicación da planta de residuos na Comarca. “Dende o noso punto de vista esta instalación debería construírse no Punto Limpio Serra de Meira, que xa conta con dotacións, espazo e accesos para este proxecto, e polo tanto aforrariamos en custes e non afectaría á veciñanza”, sinalan.
Aldurfe dixo hoxe alto e claro que non quere a planta de residuos
Por último o Voceiro Socialista de Riotorto, José García amosou a súa solidariedade con todos os veciños e veciñas afectadas de Aldurfe e avanzou a súa disposición para traballar e atopar unha solución a este conflito “que nace do ningueo do Alcalde cara a veciñanza e da súa nula capacidade de xestión. Non se pode gobernar de costas aos veciños e por caprichos persoais, sen informalos e sen atender as súas peticións. Aldurfe dixo hoxe alto e claro que non quere a planta de residuos alí”, dixo García.