Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas demandan profesorado, transporte escolar gratuíto e recursos para os colexios do rural da provincia

Lugo, 27 de setembro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario de mañá unha moción coa que demanda á Xunta de Galicia a contratación de profesorado axeitada ás necesidades marcadas pola pandemia, así como o transporte escolar gratuíto e a prestación de servizos educativos no rural lucense.

A través desta iniciativa, o PSdeG reclama “que se manteña a contratación de profesorado de tódolos niveis educativos nas mesmas cifras que no curso pasado. Que se garanta a igualdade de ratios alumno/profesor e a prestación de servizos educativos no rural, de xeito que non queden sen ofertar materias en ningún ciclo, e tamén que se elabore un plan de choque para rematar coa agrupación de alumnos e alumnas de distintos cursos de Primaria nunha soa aula, o que afecta especialmente ós nenos e nenas do rural”.

O Grupo Socialista solicita ademais “que se resolva o concurso pendente sobre as rutas de transporte escolar, para garantir a universalidade deste servizo gratuíto a tódolos nenos e nenas da provincia, resolvendo de inmediato situacións de discriminación como as que sofren hoxe as familias de Baamonde”.

Dende o PSdeG critican a redución de profesorado, pois neste curso hai arredor de 625 profesores/as menos que o pasado ano. Polo tanto, “a pandemia mantense pero os profesores/as non”. Algúns, como o CEIP das Nogais ou o de Cervantes, onde agrupan ós alumnos/as de primaria nun único grupo, cando as ratios derivadas da pandemia aconsellarían contar con dous. No IES Lama das Quendas de Chantada, a falta de profesores/as ten provocado a redución da oferta educativa con respecto ó curso pasado, coa conseguinte protesta das familias ante a perda de materias”, sinalan os socialistas.

O Goberno de Feijóo non garante o transporte escolar gratuíto
Deste xeito, “ó impacto que a redución de profesorado ten no rural, súmase o feito de que a Xunta non garante o transporte escolar gratuíto ós alumnos/as de ensino obrigatorio. Este é o caso de varias familias de Begonte, que contemplan con estupor como o autobús escolar pasa por diante das súas casas sen facer a parada que teñen solicitada, nunha situación que xa mereceu as portadas da prensa polos tintes caciquís dun conflito que vén de lonxe”, advirten.

“O Partido Popular retoma de novo a súa vella receita de recortar en educación para reducir o gasto público, algo que os socialistas rexeitamos polo seu impacto negativo na formación dos nenos e nenas, e porque supón instaurar un sistema de desigualdade no que a calidade da educación que reciben os alumnos e alumnas depende do seu lugar de residencia, prexudicando de xeito claro ó mundo rural”, aseguran dende o PSdeG.

Exit mobile version