Lugo, 23 de setembro de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá á Xunta o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno provincial, medidas de apoio ós traballadores e traballadoras afectados polo anuncio de peche das instalacións de Vestas en Viveiro e para as súas familias. Nesta proposta tamén demanda “un plan de reindustrialización para a Mariña, con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados”.
Esta mesma semana, os tres grupos políticos representados na Corporación da Deputación acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional nunha Xunta de Voceiros e Voceiras convocada polo Presidente, na que expresan o apoio aos traballadores e ás súas familias, e o compromiso de traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo.
O PSdeG subliña que a Xunta de Galicia debe tomar medidas porque, por Lei, son súas as competencias en industria, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 30.
A pesar diso, “o Partido Popular non fixo absolutamente nada ó respecto nos 12 anos ao fronte da Xunta”, aseguran os socialistas, algo que constatan os feitos: “o sector industrial galego perdeu arredor de 12.000 empregos nos anos anteriores á pandemia, e o seu peso no conxunto do PIB, que leva en caída moitos anos, redúcese a apenas un 16%”. Mentres tanto, en países da fachada atlántica como Irlanda, cunha cultura que garda moitos puntos de contacto coa galega, o peso da industria no PIB acada o 33%.
Nin un só proxecto
Así as cousas, sinalan que “a comarca da Mariña leva tempo inmersa na preocupación que xera a situación xerada pola multinacional Alcoa, e agora suma un novo peche dunha industria importante, para a comarca e para a provincia, sen que se achegue dende o Goberno de Feijóo un só proxecto, un só plan pensado para reactivar a economía lucense”, advirten.
Silencio do Goberno galego
Hai que lembrar que o Pleno da Deputación de Lugo “reclamou en varias ocasións ó Goberno da Xunta un plan de industrialización para a Mariña e para o conxunto da provincia de Lugo, sen obter outro resultado que o silencio”. Neste intres, “A Mariña está a sufrir unha crise industrial, de perda de emprego e de proxectos de futuro, motivada porque a Xunta de Galicia no cumpre coas súas competencias, nin fai o seu traballo”.