Mondoñedo, 28 de setembro de 2021. O Grupo Socialista de Mondoñedo interesouse na pasada sesión plenaria celebrada o pasado venres 24 de setembro, polas vivendas de promoción pública no Barrio Muíños, o proxecto de obra para a implantación dunha sala de fisioterapia no centro de saúde e as previsións para a celebración das festas das San Lucas.
Nesta mesma sesión plenaria aprobouse, cos votos do PP e o PSOE, o convenio de cesión por parte do Bispado ao Concello de Mondoñedo, para ceder estancias do palacio Episcopal co fin de ampliar o Museo da Catedral. “Este proxecto está incluído no Plan Nacional Xacobeo 2021-2022 que impulsa o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do fondos Next Generation, e contan cun investimento de 3,5 millóns de euros na cidade de Mondoñedo”.
Executase a través da partida para proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico, ao que se destinaran máis de 65 millóns euros para intervir en ata 61 inmobles de titularidade pública para convertelos en sostibles. “Estamos convencidos que este investimento de 3.5 millóns de euros contribuirá significativamente a mellorar o noso patrimonio, e agradecemos o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez na nosa cidade”, remarcan os socialistas.
O Grupo Socialista tamén interpelou ao goberno local sobre as vivendas de promoción pública dos Muíños. “O pasado 30 de xuño publicouse o listado dos novos beneficiarios das dúas vivendas de promoción pública no Barrio Muíños, situadas nos números 26 e 28, pero tres meses despois seguen sen estar ocupadas. Dende o Goberno Local informáronnos que haberá un novo sorteo para adxudicalas, que será o terceiro sorteo desde o inicio deste proceso”.
Sala de fisioterapia
No que se refire aos prazos para que comece a funcionar a sala de fisioterapia no centro de saúde de Mondoñedo. Hai que lembrar que a Conselleira de Sanidade anunciou no mes de decembro de 2020 a adxudicación do contrato do proxecto de obra para a implantación desta sala en Mondoñedo. “9 meses despois deste anuncio preguntamos no pleno, e segundo avanzaron falta aprobar o proxecto, outorgar a correspondente licencia e realizar a obra. Polo tanto estará rematada previsiblemente antes de que remate o ano”, explican.
As San Lucas
Mondoñedo celebrará novamente unha nova edición das Feiras das San Lucas no vindeiro mes de outubro, e interpelamos ao Goberno Local para coñecer as previsións sobre esta cita tan importante para Galicia. “Esperemos que o Concello siga impulsando e implicándose neste feira, unha das máis antigas de Europa e tamén unha das nosas sinais de identidade, e que poida celebrarse con tódalas medidas sanitarias necesarias”, sinalan os socialistas.