Ribadeo, 23 de setembro de 2021. Os residentes no Hospital Asilo e no Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo recibiron hoxe a terceira dose da vacina contra o covid19. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que pronto se poidan ir normalizando os réximes de visitas e que a vida cotiá se vaia asemellando o mais posible a como era antes da chegada da pandemia.
O rexedor dixo que “logo de que o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron recentemente ampliar o grupo de persoas ás que administrar unha terceira dose de reforzo da vacina contra o covid19, entre elas, aos usuarios das residencias da terceira idade. Por iso no día de hoxe esta terceira dose acaba de ser administrada aos usuarios residentes das dúas residencias que temos en Ribadeo: o Centro de Atención a Persoas Maiores e o Hospital Asilo de San Sebastián en San Lázaro”.
Suárez Barcia manifestou que “desde o Concello de Ribadeo queremos expresar a ledicia que nos supón que estas dúas residencias sexan das primeiras en recibir esta terceira dose de reforzo, sabendo, como quedou perfectamente demostrado da eficacia das vacinas e que a ciencia é e será quen nos axude a combater esta pandemia”.
O alcalde confía en que “ao mesmo tempo en que, de acordo cos protocolos sanitarios, se poidan ir normalizando os réximes de visita e que a vida cotiá de todas estas persoas se poida ir asemellando o mais posible a como era antes da existencia do covid19”.