Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares propoñen a creación dun arquivo histórico e cultural dixital da vila de Burela

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Burela, a 29 de setembro de 2021. O Grupo Municipal Popular propón a creación dun arquivo histórico e cultural, de carácter dixital, sobre a vila de Burela.

A vicevoceira popular, Yovana Oroza, sinala que “cremos que é preciso inventariar e preservar a rica historia e cultura da nosa vila” para iso “pódese facer uso das novas tecnoloxías de forma que sexa facilmente accesible para tódolos veciños e veciñas de Burela e que poida ser transmitida con máis facilidade”.

Concretamente, a iniciativa que os populares defenderán no vindeiro pleno da corporación recolle o establecemento dunha partida orzamentaria para a adquisición e contratación de equipamento técnico e humano axeitado, sempre e cando non se conte co mesmo no propio Concello.

Outro dos puntos da proposta popular pasar porque o Concello leve a cabo un inventario histórico e cultural da nosa vila, tanto de carácter documental, gráfico, sonoro e audiovisual. Neste caso, “é imprescindible a colaboración dos veciños e veciñas e, polo tanto, o Concello debería pedir o seu apoio porque gran parte destes datos históricos e culturais está en mans privadas”, apuntan.

Tendo en conta que Burela conta na actualidade cunha cronista oficial, o Grupo Municipal Popular propón solicitar a súa colaboración para a supervisión e asesoramento na elaboración do arquivo dixital da vila de Burela.

Finalmente, unha vez rematado e para que os veciños e veciñas teñan acceso, este arquivo histórico e cultural deberíase facer público e accesible na web oficial do Concello de Burela.

Exit mobile version