Candia explicou, neste sentido, que “o Partido Popular da provincia de Lugo levará iniciativas ás distintas institucións demandando ao Goberno de España un plan estatal para combater o peche de oficinas bancarias nas zonas menos poboadas. É dicir, os entornos non urbanos”. E engadiu que “debe ser unha normativa coordinada coas administracións autonómicas, provinciais e locais e que inclúa medidas para facilitar o acceso da poboación a estes servizos”. Así mesmo, sinalan os populares que “debe ser o Goberno de España o que, a través do Banco de España, esixa ás entidades bancarias ratios de prestación de servizo moito máis inferiores” para “garantir uns servizos financeiros mínimos e a igualdade de condicións no seu acceso tanto para a poboación urbana coma para a do rural”.
Os populares amosaron o seu compromiso de traballo para manter e dotar de servizos ás zonas menos poboadas co obxectivo de “potenciar o rural reforzando aos concellos para fixar poboación”. Ao respecto dos servizos bancarios, lembrou Candia que “a Xunta de Galicia foi das primeiras administracións en poñer en marcha, en colaboración co Fegamp, medidas para universalizar o acceso aos servizos bancarios e financeiros independentemente do lugar de residencia”.
Acordos para evitar a exclusión financeira
A presidenta provincial do PP considera que “é necesaria a implicación de tódalas administracións, sen importar as cores políticas, na procura dunha solución a nivel nacional a este problema”. Candia manifestou a conveniencia de “chegar a acordos” co único obxectivo de evitar a exclusión financeira da nosa provincia”.
A este respecto, convida “aos alcaldes, ao Goberno da Deputación de Lugo e aos representantes do PSOE na provincia a presionar ao Goberno do seu partido para que tome medidas ante a situación de exclusión financeira nos concellos lucenses e elabore unha normativa que garanta uns servizos financeiros mínimos”.
A popular lamenta que ata o de agora, “o Goberno se desentendera desta problemática” e que “tampouco o Goberno que preside o señor Tomé se dirixira ao Executivo de Sánchez defendendo os intereses dos lucenses afectados”.