Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Orienta Ribadeo’, unha proba de aventura familiar nova e gratuíta, o día 26 deste mes

Ribadeo, 6 de setembro de 2021. O Concello ribadense organiza unha proba de aventura familiar denominada Orienta Ribadeo. Esta actividade nova, que é gratuíta para os participantes, desenvolverase o día 26 deste mes, domingo.

A concelleira de Mocidade, Mari Luz Álvarez, explicou que “co obxectivo de poñer en valor o noso concello mediante unha actividade innovadora, segura, saudable, participativa e de carácter familiar, a empresa galega Territorio Comanche deseñou expresamente para o Concello esta iniciativa”.

A edil ribadense indicou que “a actividade terá lugar desde as 11.00 horas da mañá do domingo 26 de setembro no auditorio de Cabanela. Os participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable, intentando localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversas probas, tanto físicas como de coñecemento. O tempo máximo para realizar a proba é de dúas horas e media e os equipos deberán acadar o maior número de puntos posibles decidindo libremente a orde de busca e o ritmo a seguir (andando ou correndo), non sendo obrigatorio o paso por todos eles, polo que a condición física ou idade non é o relevante; o importante é o factor estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo”.

Álvarez Lastra contou que “os equipos deberán estar formados por un mínimo de tres integrantes ata un máximo de cinco e estableceranse dúas categorías: Castores (onde a lo menos haxa unha persoa menor de 12 anos) e Explores (todos maiores de 12 anos e obrigatorio polo menos un maior de idade). Todos os participantes recibirán o material necesario para a realización da proba, contarán con seguro de responsabilidade civil e de accidentes e entregaráselles avituallamento”.

A concelleira de Mocidade e Igualdade engadiu que “a inscrición para participar na actividade comeza o 9 e remata o 22 de setembro ás 14:00 horas ata completar o máximo de prazas (150 persoas). Pode facerse presencialmente na Casa da Xuventude ribadense ou a través do correo electrónico omix@ribadeo.org e será por rigorosa orde. Debe incluír a seguinte información: nome de equipo, categoría (Castores ou Explorers), número de teléfono de contacto, nome completo, DNI e data de nacemento dos integrantes do equipo”.

Exit mobile version