‘A escola de Doloriñas’, que segundo a experta e crítica de arte e literatura María Fidalgo Casares é xunto con ‘Comida de bodas en Begantiños’ de Álvarez de Sotomayor o mellor cadro da historia da pintura galega, cumpriu 80 anos. Foi no ano 1941 cando a súa autora, Xulia Minguillón, recibiu por esta obra a Primeira Medalla de Ouro na Exposición de Belas Artes, converténdose na primeira e única muller á que lle outorgaron tal galardón.
O cadro representa o interior dunha escola de aldea, das chamadas escolas de ferrado, que estaba en Vilapol, unha aldeíña moi preto de Vilanova de Lourenzá, onde os pícaros da contorna aprendían as primeira letras coa mestra Dolores Chaves Vizoso.
Xulia Minguillón, aínda que nada en Lugo, criouse en Vilanova de Lourenzá onde seu pai rexentaba a botica da Vila. E de Lourenzá sacou moita da temática que inspirarou a súa obra, tanto de retratos como de paisaxes. Sempre tivo un especial cariño polas terras laurentinas da súa infancia, pintando as súas casas de labranza, a neboeira baixando paseniñamente da serra da Cadeira, os seráns cando os últimos raios do día baten cos muros da vella abadía cinguidos dos tellados pizarrentos da Vila…
Co gallo deste oitenta aniversario, a activa Asociación Patrimonio Laurentino, que de forma tan exitosa está dinamizando o ambiente cultural laurentino, organizou, xunto co Concello, unha xornada adicada á pintora. Nos días anteriores xa penduraban en varios balcóns de casas das rúas de Vilanova reproducións de obras tan emblemáticas como: “A miña familia”, “O caserío”, “Vacas”, “Tyla e eu”, “Atardecer na vila”, “A Escola de Doloriñas” …
O sábado, día 28 de agosto, tivo lugar o acto principal no claustro de mosteiro de S. Salvador. Despois da presentación por parte de Fina González e da alcaldesa Rocío López disertaron sobre a vida e obra da artista, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo e María Fidalgo Casares, doutora en Historia da Arte e membro da academia andaluza de Historia; esta crítica de arte e literatura destacou de Xulia Minguillón o seu extraordinario talento para a pintura dentro dun estilo propio e definido, onde destaca a súa sensiblidade paisaxística moi enmarcada na identidade galega; conseguindo o seu obxectivo de dar unha conferencia amena e divulgativa, pero á vez coa erudición e altura que merece a obra da artista lucense. Pecharon o acto a presidenta da Asociación Patrimonio Laurentino, Remedios Gallo, e os acordes da charanga Carapaus
Na actualidade ‘A escola de Doloriñas’ pertence ao Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía e, despois de recorrer distintos museos españois, europeos e americanos, hoxe está depositada no Museo Provincial de Lugo presidindo nun lugar de honor a sala monográfica adicada á artista.