A Mariña, 8 de setembro, 2021. No BOE nº 197, do 18 de agosto de 2021, publicouse o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Borrasca de 84 MW e a súa infraestrutura de evacuación na provincia de Lugo.
O parque eólico BORRASCA, promovido pola mercantil GREENALIA WIND POWER BORRASCA S.L. constaría de 15 aeroxeradores para unha potencia conxunta de 84 MW, unha subestación e unha liña de alta tensión de evacuación até Xove.
Os aeroxeradores que se pretenden implantar alcanzarían a altura de 180 metros (a maior cheminea de Alcoa na factoría de San Cibrao chega aos 145). Irían situados, 10 deles, no cumio dos montes entre Cornería e o monte de Oirán, nos límites entres os concellos de Lourenzá e Mondoñedo con Foz, e os 5 restantes irían entre Santa Cilla e o Pico da Lebre no concello de Foz. Ambas partes estarían comunicados por unha liña eléctrica soterrada. A poligonal afecta a unha superficie de 4,809 Ha. dos concellos Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Foz.
Trátase dun macroparque eólico dunhas dimensións totalmente desproporcionadas, en tanto que afecta a un ámbito xeográfico moi extenso e que vai afectar negativamente a un grande número de veciños e veciñas. Entre os efectos adversos da implantación dunha estrutura das dimensións da proposta poderíanse destacar, so a modo de exemplo: perda de valor das propiedades, terreos e casas, ruído, risco de accidentes, efecto discoteca, perda de calidade paisaxística e, en xeral, empobrecemento do medio rural onde vivimos. Innegables efectos negativos vai ter tamén en actividades económicas das que se desenvolven na zona, nomeadamente a agricultura e gandería, a actividade forestal e o turismo.
A publicación nos Diarios Oficiais resulta a primeira é única notificación recibida por parte dos moitos veciños/as afectados/as nas súas propiedades, e os afectados de forma “indirecta”, considerando como tales os que non teñen terreos onde se enclaven elementos do parque, pero que van a sufrir igualmente os seus efectos adversos.
Por iso, facemos un chamamento á veciñanza e ás corporacións dos concellos afectados para que estuden e difundan o proxecto e os seus efectos, presenten as alegacións pertinentes no trámite de exposición pública e nos mobilicemos para rexeitar este novo capítulo de apropiación polas grandes empresas dos nosos recursos sen achegar nada a cambio.
Unha enerxía abondosa e limpa coma a do vento debera servir para o autoabastecemento da nosa comarca e non para o espolio e o enriquecemento dos oligopolios do Estado. Desde o SLG entendemos que este é un novo exemplo de intento de apropiarse dos recursos para o único beneficio do capital extrativista.
O Sindicato Labrego Galego vai promover a presentación de todas as alegacións que a veciñanza estime pertinentes e convocará asembleas informativas, e a tal fin vai destinar os recursos técnicos e humanos necesarios.