Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente homenaxea na Deputación ás tripla campioas do Burela FS

Lugo, 10 de setembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no Pazo de San Marcos ao presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco Fanego, a unha representación do corpo técnico e ás xogadoras do primeiro equipo.

As mariñás veñen de completar unha tempada impecable, na que conquistaron novamente os títulos de Súper Copa de España, Copa da Raíña e Liga 2020-2021. Xa a tempada anterior foron quen de acadar a tripla coroa, o que lles valeu para acadar o recoñecemento do Futsalplanet Awards como mellor equipo feminino do planeta 2020.

Na recepción, celebrada no Pazo de San Marcos, participaron tamén os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e Deportes, Efrén Castro Caloto.

“É un orgullo volver a tervos nesta casa”, asegurou o Presidente, quen quixo recibir ás tripla campioas antes do inicio da nova tempada para felicitalas polos seus logros deportivos e desexarlles novos éxitos na próxima campaña. Mañá disputan a Copa Galicia na pista do Amarelle coruñés.

José Tomé subliñou que o Burela FS “é un club modélico deportivamente, pola súa gran traxectoria, pero tamén humanamente, porque sodes un equipo unido, a directiva o corpo técnico e as xogadoras, e tamén porque promove a igualdade”, con medidas que fixeron historia como a sinatura do primeiro convenio colectivo coas xogadoras para o recoñecemento e defensa dos seus dereitos sociolaborais, un fito que a Deputación recoñeceu cun premio dotado con 25.000€. Un club, “que navega coma un barco, con bo rumbo, con boa dirección, cunhas amuras que rompen as olas con seguridade”, sinalou José Tomé, de maneira alusiva ao agasallo institucional que lle entregou ao presidente do colectivo, a peza de Sargadelos Barco Ardora II.

As xogadoras tamén recibiron da Deputación de Lugo un agasallo, o libro Talasonimia da Mariña Luguesa. Os Nomes do Mar, de Paco Rivas, en recoñecemento polo seu esforzo, compromiso e constancia e polos seus logros deportivos.

Exit mobile version