Óscar Rodríguez está convencido de que a alcaldesa, cando a Asociación de Profesores de Automoción propuxo esta iniciativa, non chegou nin a darse conta do interese que podía ter para Viveiro. No PP queren saber a data na que se celebrou a reunión co representante de Apaga, o contido da mesma e os criterios que se tiveron en conta para renunciar á realización do proxecto.
O portavoz popular di que contar cun centro deste tipo constituiría un recurso máis para atraer visitantes a Viveiro. Co tempo, ese centro podería medrar e cubrir moitas das frontes industriais que explorou tan dinámico empresario. Lembra que a revista Vida Galega cualificou en 1909 a José Barro como “símbolo do espertar da nosa raza á vida de grandes industrias” e dicía que “Viveiro pode estar satisfeita del, xa que dá alentos a múltiples iniciativas de importancia extraordinaria”. Rodríguez declara: “Pois vese que, por algún escuro motivo que esperemos que nos aclare, a alcaldesa non encontra motivación para dedicar un espazo en Viveiro a Barro, nin entende o interese que pode ter para a cidade”.
Barro instalouse en Viveiro en 1896 cando comprou o complexo industrial de Chavín. A súa actividade emprendedora abarca áreas como electricidade, tecidos, transporte, construción, automóbiles e recambio de pezas. Rodríguez resume: “É outra oportunidade perdida de mostrar ao mundo desde Viveiro a intelixencia, o empuxe e a valentía de homes que, como José Barro, constitúen figuras fundamentais para esta cidade”