“Houbo un tempo no que Ribadeo era coñecido como a cabeceira cultural da Mariña e do Occidente asturiano, pero este verán adiantáronnos concellos veciños como Mondoñedo e Viveiro que souberon adaptarse ás circunstancias e ofrecer a veciños e visitantes múltiples actividades de distintos tipos”, explica Sanjurjo.
A popular cre, a este respecto que “un goberno ten que buscar para o seu pobo e traballar para conseguir todo o que poida, a través de múltiples vías, aproveitando tanto a axuda de institucións públicas (Deputación, Xunta…) como de organismos privados. Se hai pouca oferta é por que houbo pouco traballo de búsqueda e xestión”, critica. “Cando non se poden facer as cousas coma sempre hai que saber reinventarse”, engade.
A concelleira do PP pregúntase por que San Roque pasou sen pena nin gloria: “os Cocos non saíron porque podían darse aglomeracións; pero igual podía cortarse a rúa San Roque para que bailaran e poñer sillas por grupos de conviventes, como se fai nos concertos”, propón. “Así os pícaros e non tan pícaros podíamos velos desde as beirarrúas”.
Engade Sanjurjo que “agora saen o día 8 de setembro e non o 7 como era tradición, día no que se congregaría menos xente, se o goberno local quere escudarse na covid para evitar a programación destas actividades”.
“A Banda Municipal tampouco actuou en San Roque pero fíxoo poucos días despois”; polo que a popular tampouco entende cal era o problema para a súa actuación do 16 de agosto.
Axudas ás asociacións das parroquias
O Grupo Municipal Popular ten solicitado no Pleno do Concello que se lles dera a subvención para as festas ás asociacións de veciños das parroquias para que puideran empregar esa axuda, “unha proposta que foi rexeitada e que aos catro días foi anunciada en prensa como gran idea”, explica. Con todo, “alegrámonos de que se aproveitara” e engade que “xa tiña que saír do equipo de goberno que as agrupacións culturais da nosa vila fixeran actuacións polas distintas parroquias, incluso tendo en mente facer canteira e animar aos ribadenses do rural a participar nestas agrupacións”.
Programación infantil
Sanjurjo cre que “a rapazada tiña que ser un dos destinatarios máis importantes da programación cultural e, curiosamente, na Axenda Cultural atopamos só un concerto o 20 de xullo de Pakolas e o mesmo repetido o 7 de setembro. Parece unha oferta de 2 por 1”, deduce.
“Si que é agradable ver na mesma Axenda Cultural para setembro actividades para os colexios, unha maneira de que cheguen a máis pícaros e pícaras. Pero, no caso de ‘Ler conta moito’ igual tiña que poñer “A Xunta cos coles”e non “O Concello cos coles”; xa que é unha actividade da rede de Bibliotecas Públicas de Galicia financiada polo ente autonómico”, aclara a popular.
A concelleira do Grupo Municipal Popular conclúe dicindo que “hai que buscar, xestionar, traballar, traballar e traballar e despois de conseguir cousas hai que agradecelas a quen sexa que as faga posible”, puntualiza.