Lugo, 23 de setembro de 2021. Ao goberno provincial non lle gusta que o grupo maioritario na Deputación, o PP, faga o seu traballo de oposición. É algo que deixou claro en moitas ocasións, especialmente nos asuntos nos que é consciente de que o está a facer moi mal, como pode ser todo o relacionado coa rede de estradas. Hoxe acaba de dar outra mostra do seu desexo de frear o traballo do PP ao impedir o acceso ás dependencias estreadas no antigo fogar de Santa María do portavoz popular, Javier Castiñeira, o deputado Óscar Poy e un traballador da Deputación. Castiñeira anuncia que o PP estudará a adopción de medidas legais e confía en que “todo isto non volva suceder”.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Por unha vez, e sen que serva de precedente, o PP de Lugo está de acordo coas declaracións do presidente do Goberno na ONU en canto a que hai déficit de democracia. Dicimos isto por un feito grave que nos pasou no día de hoxe na Deputación de Lugo. O goberno bipartito (PSOE-BNG) prohibiunos a entrada a dependencias provinciais sen pedir cita previa, algo que consideramos que non é lóxico, posto que a actividade propia dos deputados e dos traballadores da Deputación é nas dependencias provinciais”. Engade: “Sería moi pouco lóxico ter que pedir permiso cada vez que entramos a traballar. Pois isto é o que nos ocorreu no día de hoxe cando pretendiamos visitar o edificio administrativo de Santa María, que no día de onte foi visitado institucionalmente polo propio presidente, estreando esta edificación logo de varios anos de obras”.
Castiñeira declara: “Hai que dicir que, a dita visita institucional, o PP non foi invitado. Por iso, no día de hoxe, eu, como voceiro do PP, que é o grupo maioritario, o deputado Óscar Poy e un traballador da Deputación decidimos facer esa visita e ver como quedou o edificio despois de tantos anos de obras. Pretendiamos saudar aos traballadores que estreaban esas dependencias, que melloran moito as súas condicións de traballo, como pedimos moitas veces”.
Os populares sinalan: “A sorpresa nosa foi que non nos deixaron entrar sen o permiso de Presidencia, o que consideramos un absoluto abuso en relación cos dereitos dos deputados e os traballadores da Deputación, que se viron seriamente coartados”.
Castiñeira anuncia: “Diante desta decisión do goberno provincial, o que lle queda ao PP é pensar en tomar as medidas legais correspondentes para evitar o que entendemos como un novo atropelo á oposición, ao traballo de oposición que está a facer o PP. Esperamos a desculpa do equipo de goberno, coa esperanza de que todo isto non volva suceder”.