Castiñeira alude ao control dos tempos das intervencións ao longo da sesión plenaria. “O cronómetro de Tomé párase segundo lle interesa. Mentres que para a oposición se aplica un rigorosísimo tempo de intervención, para os seus compañeiros de bancada o tempo engadido non é un problema; se non o satisfai moito o que argumentan os seus voceiros, o propio Tomé se toma o tempo que desexa para corrixilos”.
O portavoz popular sinala: “Onte o propio Tomé, por falta de recursos políticos, converteu o pleno nun auténtico monólogo do goberno, de maneira que por unha intervención do partido popular houbo tres intervencións do bipartito, as dúas dos voceiros máis a corrección sen límite de tempo do señor Tomé. Polo contrario, na quenda de preguntas da oposición as largas intervencións do bipartito convértense en silencios para o próximo pleno ou en respostas absurdas que nada aclaran”.
E que dicir, apunta Castiñeira, da actitude do presidente por ter perdido o asunto da residencia de Sarria; nun alarde de “humildade democrática” deixou caer que tanto lle ten o que decida o pleno, porque el fará o que crea preciso.
Castiñeira di: “En definitiva, a calidade democrática na Deputación de Lugo vai a menos por dous factores importantes: primeiro, polo narcisismo enfermizo do señor presidente, e, segundo, porque o bo traballo da oposición non se contrarresta cun bo traballo do goberno senón con uso do poder e tratando de someter ao que opina diferente. O señor Tomé é o claro exemplo deses iluminados que pensan que teñen máis luz se apagan a do lado”