Trabada, 24 de setembro de 2021. “Non dou crédito”, sinala o portavoz popular de Trabada, José María Fernández, sobre o estado de “abandono” que presenta “a ruta que da acceso a dous dos puntos de interese turístico máis importantes do municipio: a mámoa das Pallaregas -a máis destacada da Mariña- e o Marco da Pena Verde”. É por iso polo que pide á alcaldesa e ao goberno local que roce e limpe os accesos e repare os sinais identificativos.
“Calquera que veña a Trabada de visita, achégase a estes dous lugares do noso concello”. De feito, o propio portal de ‘Turismo de Trabada’, que se sustenta con fondos do Concello, da a coñecer e promociona estes restos arqueolóxicos como espazos de interese turístico.
O popular considera “totalmente incoherente que, por unha parte, o goberno local promocione estes puntos como reclamo turístico e, por outra, non manteña acondicionada a ruta que da acceso a estes elementos patrimoniais nin manteña nunhas condicións axeitadas a súa sinalización para coñecer a súa localización”.
Pasotismo e falta de xestión
O popular considera que se trata dunha mostra máis do “pasotismo, falta de xestión e deixadez” da alcaldesa e do seu goberno. Recentemente, xa advertía da falta de planificación por parte do goberno local nos labores de desbroce e roza das marxes das estradas municipais. “Os traballos de desbroce estanse a facer a saltos, pasando dunha parroquia a outra, e sen ningunha planificación”, lembra.