Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Trabada condena a “nula planificación dos desbroces” por parte do goberno local e a “ineficiente xestión nas cuestións do día a día”

Trabada, 2 de setembro de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Trabada, José María Fernández, considera “nula a planificación do desbroce das marxes das estradas municipais” por parte da alcaldesa e o goberno local.

Pon como exemplo da falta de xestión dos traballos de roza que “na parroquia de Villaformán, no lugar de Carreirachá, quedou unha pista a medio desbrozar para pasar a rozar pistas no monte. En vez de rematar o traballo, desprázanse 15 kms ou máis para ir para esa zona” co conseguinte custo para as arcas municipais que supón. E, posteriormente, “terán que volver rematar alí o traballo ou deixalo así, a medio facer”, puntualiza.

Tamén están sen rozar as instalacións do colexio público coa vexetación cubrindo incluso as beirarrúas “a só uns días de comezar o curso 21/22”. Isto denota, para os populares “falta de xestión e planificación nos traballos do día a día”. Na mesma situación se atopan as instalacións deportivas “sen limpar, abandonadas e descoidadas”, como é o caso do campo de fútbol. E, as áreas recreativas, “botaron boa parte do verán sen acondicionar”.

Atención deficiente aos veciños
Para Fernández, “a atención e a proximidade aos veciños debería ser unha das principais características dun goberno local”. Nese sentido, o popular critica que “nin a alcaldesa nin os dous concelleiros que cobran do Concello están dispoñibles na Casa do Concello para tratar algún asunto ou resolver problemas ou necesidades que calquera veciño requira”. Polo tanto, “a atención aos veciños é deficiente por parte do goberno local que ata agora preferiu pagar salarios aos membros do goberno en lugar de contratar a persoal administrativo para atender aos veciños”.

Exit mobile version