Foz, 27 de setembro de 2021. A Escola de Música de Foz vive a peor crise da súa historia e o goberno local móstrase incapaz de buscar solucións. Diante desta situación, o portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, anuncia que o seu grupo defenderá no pleno do mércores unha moción de urxencia para tratar de solucionar os problemas da Escola de Música”. Ao mesmo tempo, Castiñeira desenmascara a actitude hipócrita que mantén o Bloque neste asunto. Sinala: “Son problemas dos que o BNG tamén é parte, porque forma parte do equipo de goberno dende o inicio do mandato; cos votos dos seus tres concelleiros saíu elixido alcalde o señor Cajoto, do Partido Socialista. O BNG e o PSOE teñen un pacto de goberno bipartito en Foz. O BNG ten dous concelleiros, dos tres que ten na corporación, que forman parte do equipo de goberno con responsabilidades varias”. Os populares, na moción, instan ao goberno a solventar o problema e deseñar un proxecto viable para a Escola de Música para os próximos anos.
Castiñeira deixa claro que “o BNG non pode esconderse e tirar a pedra; é parte do problema da Escola de Música”. Di que “non é un problema de agora; é de hai seis meses”. Manifesta: “O BNG xa tivo tempo de esixir ao señor Cajoto que se reunira con Felipe Sánchez, coa AMPA e os grupos da oposición. Agora igual dende o goberno xa é tarde. En todo caso, o que non pode facer o goberno, en concreto o BNG, é querer facer oposición das súas propias accións”.
Os populares non admiten “nin a demagoxia nin a hipocrisía política por parte do BNG de Foz” e esixen solucións. Castiñeira di: “Farémolo no próximo pleno e se o BNG ten verdadeira vontade de solucionar o problema aprobará a moción do Partido Popular, instando a que o equipo de goberno solucione canto antes este problema e propoña un proxecto viable para os próximos anos na Escola de Música, na que se conte tanto con Felipe Sánchez como co resto dos profesores da Escola”.