Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela asegura que por non cumprir co convenio colectivo, o Concello foi condenado a indemnizar a unha persoa traballadora laboral fixa xubilada por incapacidade

Burela, a 27 de setembro de 2021. O portavoz do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, explica que “o Concello de Burela vén de ser condenado segundo unha sentenza pública do Xulgado do Social nº 2 de Lugo a indemnizar con 40.000 euros a unha persoa que era empregada laboral fixa e que se xubilou por unha incapacidade en aplicación do convenio colectivo modificado no 2008”.

Os populares explican “ese convenio, aprobado sendo alcalde o señor Llano, recolle unha serie de bonificacións para os empregados do Concello que optaran por xubilarse anticipadamente ou que tiveran que xubilarse por algunha causa de incapacidade absoluta ou permanente”.

Polo tanto, entenden que “o equipo de goberno dirixido polo señor Llano, que conta con membros que foron moi activos dentro do mundo sindical e que di ser progresista e preocuparse polas cuestións sociais e polos seus empregados, está a incumprir os acordos adoptados no seu día e negándose a recoñecer os xustos dereitos dunha das súas traballadoras”.

Política laboral “completamente errática”: sen a RPT anunciada e falta de efectivos na Policía Local
“Isto é máis grave aínda se temos en conta que a política laboral que está a seguir o equipo de goberno é completamente errática. Só fai falta ver que levamos seis anos dende que o alcalde anunciara aos catro ventos unha nova relación de postos de traballo da que a día de hoxe aínda non se sabe nada”, manifesta o portavoz popular.

Tamén en relación á política laboral do goberno local que preside o señor Llano, lamentan dende o Grupo Municipal Popular que “o departamento de Policía Local estea sen cadro. Tal e como coñecemos todos os veciños de Burela, non se cobren tódalas quendas diarias porque estamos sen quenda de noite. Pero, ademais, hai quendas de tarde que, en ocasións, non están debidamente cubertas porque o departamento non conta con efectivos suficientes”. Neste caso, ademais, “a falta de xestión por parte do goberno local supón deficiencias en materia de seguridade cidadá”.

“Isto demostra ben as claras a nefasta política laboral do señor Llano e o seu goberno. Pero o peor de todo é que estes tres exemplos son un fiel reflexo da forma de actuar do actual equipo de goberno que ten quen llelo consinta. Os membros do PP non transiximos con este tipo de actuacións”, aclara.

Exit mobile version