Os populares, que defenderán nos concellos e no Parlamento de Galicia iniciativas contra a inclusión do lobo na Lespre, indican que a alcaldesa de Viveiro vive inmersa na contradición á que está condenada porque, por un lado, nota a presión veciñal polos danos que causa o lobo; por outra parte, está sometida á presión dos grupos ecoloxistas que queren máis protección para esta especie, e, a maiores, o Goberno, socialista, intenta acelerar canto pode a inclusión deste animal na citada listaxe, co que deixará de ser especie cinexética e practicamente non será posible a súa cazade como método de control. Neste sentido, Óscar Rodríguez destaca que mentres María Loureiro solicita á Xunta máis control do lobo, en declaracións a medios de comunicación, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, expresaba a súa confianza de que a inclusión na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre) se concrete antes de final do presente mes.
O portavoz popular sinala que non se pediron actuacións concretas por parte de ninguén en canto ao control do lobo en Viveiro, de maneira que os socialistas, que gobernan neste concello, dedícanse a lamentarse pero non se posicionan. Seguramente, di Óscar Rodríguez, o Concello non quere pedir batidas por temor ás críticas dalgúns colectivos ecoloxistas ou conservacionistas; non houbo solicitudes dende 2019.
Rodríguez anima á alcaldesa de Viveiro e a todos os alcaldes socialistas da provincia a sumarse á demanda da Administración autonómica e de numerosos rexedores lucenses ao Goberno de Pedro Sánchez para que renuncie a orde ministerial pola que pretende incluír ao lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Só así, sinala o portavoz popular en Viveiro, será posible seguir adoptando medidas eficaces para o control do lobo.