Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Foz aprobou a moción do PP para que o goberno local inicie as xestións necesarias para renovar a rede de distribución de auga e evitar as frecuentes roturas

Foz, 30 de setembro de 2021. Unha vez máis, a celebración dunha sesión plenaria deixou claro que en Foz é o PP o que leva a iniciativa nos temas municipais. Neste sentido, o portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “ o Partido Popular de Foz está satisfeito da intensa actividade que desenvolveu nestas últimas semanas”. Explica que “onte, na sesión plenaria ordinaria da corporación municipal, presentamos dúas mocións que foron aprobadas: a primeira delas para instar ao Goberno de España e a Xunta de Galicia para que poñan todos os medios para paliar a falta de facultativos que hai no Estado, que afecta a Galicia e a Foz; a segunda, para mellorar o abastecemento de auga”.

O ciclo da auga é unha materia na que a xestión do goberno local, presidido polo socialista Cajoto, é máis que deficiente. No que se refire ao abastecemento, segundo explica Castiñeira, “os populares defendemos, e foi aprobada, unha moción na que instamos ao goberno municipal a que trate de dar solución aos múltiples problemas que temos con este servizo”. Sinala que “hai roturas na rede de distribución de auga que afectan a zonas como Marzán ou Vilar Ponte e que nalgún momento poden chegar a causar danos maiores. Hai que actualizar o contrato que está caducado dende o ano 2017; hai que sacar esa concesión, que pode traer incluso obras. Non se debe esquecer que hai un remanente de tesourería procedente do mandato pasado e que se pode usar para novas instalacións da rede de abastecemento”.

Castiñeira lembrou que o seu grupo presentou no pleno unha moción de urxencia para tratar de dar solución á crise que vive a Escola de Música. O portavoz popular di: “A pesar do anuncio de que Felipe Sánchez vai seguir, queremos que haxa compromisos. Tivemos o voto en contra do alcalde e do Partido Socialista, pero o que está claro é que o compromiso do PP foi importante e axudou a solucionar polo menos parte do problema. Seguiremos vixiantes para que isto se vaia arranxando e coñecer cales foron eses compromisos que levaron ao alcalde a cambiar de actitude neste asunto”. En resumen, os populares “están satisfeitos por ter feito un bo traballo neste mes de setembro”.

Exit mobile version