Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén preséntase nun derbi co Xove

Burela, 7 de setembro, 2021. O novo proxecto do Pescados Rubén Burela FS 21-22, con Alberto Riquer á fronte, presentarase ante a Bancada Laranxa mañá, con derbi mariñán. O SD Xove FS, de Terceira, será o rival para a cita de estrea laranxa, que arrincará ás 20.30 e poderá seguirse en directo por BurelaFS.TV.

Acceso só para Socios 21-22

Co fin de cumprir co aforo permitido por protocolo Covid-19, só estará permitido o acceso para os soci@s 21-22, que terán que recoller a súa entrada en taquilla presentando DNI.

“Os obxectivos que se buscan son sobre todo físicos, estamos no proceso de poñer a todos os xogadores á altura desta tempada, adaptándonos á idea do que queremos” explicaba Alberto Riquer na terceira semana de pretempada mariñá. “Fomos incorporando aos poucos a algúns xogadores, polos confinamentos de chegada ao país, pero manexámolo ben e agora xa estamos segundo o previsto”.

O de mañá será o segundo amigable do conxunto burelista, tras o 1-6 fronte ao asturiano Rodiles FS o pasado 28 de agosto, no Memorial Pablo Cortina-José Huerta, con dobretes de Iago Míguez e Pitero, ademais de Álex e Wanderson. “Non foi unha cita de sacar moitas conclusións, con apenas cinco sesións tácticas; o rival tamén levaba moito tempo sen xogar. Era un partido para quitar as teas de araña da inactividade, de coller sensacións, e a actitude do equipo foi boa, que era o importante”, explicaba o técnico do Pescados Rubén, pedindo cada vez máis aos seus xogadores para chegar nas mellores condicións ao comezo do liga, o 9 de outubro: “Esta é a terceira semana de pretempada; temos que tentar aproveitar ao máximo cada partido preparatorio para coller ritmo. Será o primeiro encontro na casa; queremos dar a mellor cara posible todos”.

Ribeira FS, o sábado

Os burelistas pecharán a semana con visita ao municipal de Lugo para medirse ao Ribeira FS, de Segunda B; será o sábado, ás 12.00 horas.

Exit mobile version