Site icon Crónica3.com A Mariña

“O peche do matadoiro municipal de Viveiro”, resumo da situación por Míriam Bermúdez

Chegadas a este punto, seguramente a veciñanza se pregunte como temos o matadoiro municipal pechado. Pois todo comeza en maio, cando resulta que “por sorpresa” o Concello de Viveiro é coñecedor de que a empresa que xestiona o matadoiro se da en concurso de acreedores, o que vén sendo que decide deixar a xestión porque non pode afrontar as débedas.

Pero este procedemento, non se fai á lixeira, hai que notificalo ao xulgado, e isto fíxose no mes de febreiro deste 2021 por parte do acreedor concursal.

A primeira pregunta é: non hai persoal laboral do concello que consulte o BOE, o BOP o DOG…? Como é posible que o Concello de Viveiro, sendo o matadoiro un servizo municipal externalizado, non estivera ao tanto do inminente peche e non se enterasen até 3 meses depois, en maio?

A resposta é que o concello non realizou as “labores de inspección de maneira continuada” que debera facer durante o período de vixencia do contrato, tal e como se reflexa na cláusula 6.4 do contrato, o que vén sendo que se desentenderon totalmente de fiscalizar e controlar á empresa que explotaba o matadoiro.

Seguna pregunta: Como chegamos a setembro, 4 meses despois, para resolver o contrato?

Pois porque a pesar de ter resposta do Consello Consultivo (trámite que freaba o proceso) dende o 28 de xullo, non se decideu facer un pleno extraordinario, tampouco incorporalo no pleno ordinario de agosto agardando ao de setembro. Sendo un asunto de urxencia como é, pois nada, un mes arriba ou abaixo, tanto ten…

Esta empresa, despois de 7 anos de xestión sen supervisión por parte do Concello de Viveiro, decide abandonar a instalación sen máis consecuencias.

Terceira pregunta: Como está a instalación? Fixéronse as obras de obrigada construción e mantemento segundo o contrato polas que deixaron de pagar o canon anual? Están todos os bens (máquinas, utensilios…) que pertencen á instalación municipal?

Facendo un cálculo rápido, se o canon anual é de 8.046,50€ por 7 anos que estivo a empresa, resulta un total de 56.325,5€ que o Concello deixou de ingresar se esta empresa non os invertiu en melloras na instalación.

En resumo: un conxunto de despropósitos nun mesmo procedemento: non se pode perder un inventario dunha empresa municipal, non se pode ter un traballador dunha subcontrata municipal meses sen cobrar, as revisións periódicas non se realizaron, nin a día de hoxe se pode constatar o estado da instalación.

Queda por diante unha ardúa labor de comprobación de todo este procedemento, onde estará o BNG para cotexar. Agardamos que a equipa de goberno de María Loureiro, faga o seu traballo e vele pola correcta comprobación das obrigas da empresa segundo o contrato, e de darse incumprimentos, inicie os procedementos necesarios para recuperar o que lle pertence ás arcas municipais. Tamén agardamos que nos vindeiros trámites (redaccións dos novos pregos e licitación do contrato) se actúe coa debida rigurosidade e urxencia.

Exit mobile version