Site icon Crónica3.com A Mariña

O Partido Popular da provincia reafirma nun decálogo o seu compromiso coas veciñas e veciños “para construír un Lugo mellor”

Lugo, 15 de setembro de 2021. O comunicado-relatorio do 18º Congreso do PP da provincia de Lugo, ‘Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo’ recolle iniciativas e propostas que “reafirman o seu compromiso coas veciñas e veciños da nosa provincia”.

A súa coordinada, a deputada autonómica Cristina Sanz, agradeceu as achegas dos lucenses e a colaboración de distintos representantes dos sectores e ámbitos estratéxicos da nosa provincia cos que mantivo reunións para recoller as súas iniciativas e propostas na elaboración deste documento.

A popular defende “un Partido Popular próximo aos lucenses que dea solucións ás súas necesidades e preocupacións, promova políticas de progreso para facilitar oportunidades a través da formación, do impulso ao emprendemento, da consolidación do emprego, do apoio aos sectores estratéxicos e á potenciación do turismo vencellado á nosa cultura e ofrecendo servizos e infraestruturas atendendo ás particularidades sociais e xeográficas do noso territorio”. Así mesmo, incide especialmente na reactivación dos sectores afectados pola crise derivada da pandemia da covid-19.

As iniciativas e propostas pódense resumir no seguinte decálogo:

1.- Aspiramos a construír un Lugo mellor: para iso é imprescindible aproveitar a experiencia de xestión do goberno Feijóo e dos gobernos dos nosos alcaldes e alcaldesas, xunto coa necesaria renovación de equipos e de ideas. Aspiramos a ser un partido aberto, moderno e próximo á cidadanía.

2.- Queremos seguir avanzando nunha provincia xeradora de oportunidades, cunha administración pública que facilite este obxectivo apoiando aos autónomos, empresas e emprendedores, con especial atención á reactivación dos sectores máis impactados pola crise. Nese sentido, defenderemos a participación lucense na estratexia galega dos Fondos Next Generation, e afondaremos en iniciativas de simplificación e axilización administrativa e máis e mellor oferta de solo industrial, e impulsaremos novos plans formativos, pegados ao territorio, que faciliten a reciclaxe profesional.

3.- Combateremos decisións políticas erradas que poñen en risco os empregos e a actividade de proxectos industriais con enorme impacto na nosa provincia, como son os que provocaron as crises de Alcoa, Endesa ou Ence, e prestaremos especial atención aos traballadores afectados polos ERTES.

4.- Estaremos ao carón das familias e das súas principais preocupacións: impulsaremos a mellora dos servizos públicos, a redución de impostos e solucións ante problemáticas recentes como a desorbitada suba do prezo da luz ou o peche de oficinas bancarias que afonda na exclusión financeira, especialmente nos concellos máis pequenos.

5.-Queremos un medio rural con máis oportunidades: mellorar a conectividade dixital, acceso en condicións de igualdade a servizos públicos de calidade, como fórmulas para facilitar a retención e atracción de poboación no rural.

6.- Defenderemos a dotación de infraestruturas para a vertebración da provincia, sexa cal sexa a administración competente. No ámbito viario: o desdobramento do corredor Lugo-Monforte, autovías A-54 Lugo-Santiago, A-56 Lugo-Ourense, A-74 A Mariña lucense, vialidade da A-8. Non renunciaremos ás melloras ferroviarias e ao acceso á alta velocidade ou a proxectos estratéxicos como a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Morás.

7.-Apoiaremos todos os sectores estratéxicos da provincia. Lugo é unha gran potencia gandeira, alimentaria, no ámbito forestal e na pesca. Estaremos ao carón de todas as iniciativas capaces de xerar valor engadido nestes ámbitos, contribuír ao relevo xeracional, ampliar e modernizar as explotacións. Impulsaremos o desenvolvemento da normativa en materia de recuperación de terras, así como unha axeitada defensa dos intereses do sector agrogandeiro e pesqueiro na UE.

8.- As persoas maiores e vulnerables están no centro das nosas actuacións: apostamos por políticas de proximidade (casas do maior, cohousing…) que enriquezan e complementen o modelo actual, así como novos servizos específicos para enfermos crónicos e dependentes (atención domiciliaria e enfermaría especializada) e polo impulso de novas e modernas infraestruturas sociais, como a residencia para persoas maiores en Lugo cidade (12,8M€).

9.- Procuraremos máis oportunidades de formación e educativas para os profesionais e a xente moza, con especial atención a promoción da FP Dual, fórmulas que fomenten o emprendemento e o reforzo, ampliación e incremento de titulacións do Campus Terra, vinculadas a sectores estratéxicos da provincia (como o patrimonio ou a gastronomía).

10.- A provincia de Lugo ofrece unha proposta turística e cultural moi heteroxénea: de costa e de interior, con potenciais tan relevantes como A Ribeira Sacra, a Mariña lucense, o xeoparque do Courel, os Camiños de Santiago, … o casco histórico lucense ou a riqueza patrimonial ou gastronómica ligada a produtos de enorme calidade como son, por exemplo, os nosos viños. Apostaremos por Lugo como destino chave da década e por aproveitar o pulo que na nosa provincia representa a cultura ligada ao turismo.

Exit mobile version