Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021. A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para que a Xunta flexibilice as restricións impostas á pesca recreativa nos portos galegos, que están a dificultar a que era unha práctica habitual nos peiraos galegos. O parlamentario socialista Julio Torrado presentou esta iniciativa para revisar a recente resolución do pasado 26 de xullo, que levantaba parcialmente as restricións impostas pola Lei de Pesca de 2017.
O parlamentario socialista reclamou unha nova regulación que faga compatible unha práctica de lecer pero tamén de necesidade para moitas familias galegas co resto dos usos portuarios, coa seguridade das persoas que a practican e que conte co acordo do sector. Torrado considera “razoable” regular esta práctica pero, sinalou, “non ata o punto de poñer limitacións tan complexas que de facto limitemos a actividade ao máximo”.
Explicou que se a Lei de Portos de 2007, imposta polo rodillo do PP sen atender ás advertencias do Grupo Socialista, impedía a pesca recreativa, que quedou nunha situación legal “difusa”, xa que “era ilegal pero ninguén a controlaba, sabendo que é imposible e absurdo limitala daquela maneira”.
O goberno galego intentou mellorar a situación a raíz dunha emenda presentada polo Grupo Socialista e aprobada pola Cámara autonómica, pero desta volta cunha resolución do pasado 26 de xullo que levantaba a prohibición pero de novo sinalaba limitacións incongruentes. Deste xeito, impedía a pesca en localizacións habituais, obrigando a desprazar a zonas nalgúns casos inseguras, e mesmo obrigando aos pescadores a desprazarse a outras localidades.
Ademais, explicou, tal e como figura na norma, actualmente “unha persoa pode ir cun fillo a pescar pero non é posible que os acompañe un rapaz amigo da familia”. Salientou que “consideramos a necesidade de atender á seguridade e ao control da actividade, pero é necesario tamén ser máis flexibles, porque algunhas das limitacións dificultan a actividade en si”.
Na iniciativa de hoxe foi incorporada unha transacción por parte do BNG para requirir de seguro obrigatorio para esta actividade sen exclusións, pero o PP negouse a incluír este apartado e tumbou a transacción, aínda que aprobando o resto da iniciativa.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a revisar a resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se levanta a prohibición vixente sobre a práctica recreativa nos portos galegos, coa intención de dar resposta ao acordo por consenso dos grupos parlamentarios no Parlamento de Galicia, centrándose fundamentalmente en:
1. Flexibilizar as zonas permitidas para a práctica da pesca recreativa, tratando de obter unha solución que maximice as posibilidades dentro da compatibilidade de usos para todas as actividades.
2. Ampliar o número de menores a cargo que un adulto pode ter durante a práctica de pesca recreativa nos portos de Galicia”.