Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021. A Comisión de Obras Públicas do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta unha “aposta decidida, real e efectiva” pola VAC Costa Norte, entre Ferrol e San Cibrao. A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, presentou esta iniciativa coa que puxo o acento sobre os “20 anos de atrasos e promesas incumpridas polos gobernos do PP”.
A responsable socialista apuntou que “nin a Mariña nin Ferrolterra merecemos seguir marxinados pola Xunta de Galicia”, que mandou este proxecto “ao esquecemento” cos gobernos do PP. Lembrou que a obra foi anunciada en 2001 polo goberno de Fraga coa previsión de estar rematada en 2007, pero “non foi ata 2009 cando se iniciaron as obras do primeiro tramo”.
Ata o momento tan só contan co trazado actualizado os tramos Ferrol – San Sadurniño e as variantes de Ortigueira e Xove –esta licitada en 2009 polo goberno de Touriño e bloqueada por Feijóo ata a súa inauguración en 2017. Dende entón non ha “nada novo” cunha obra que o goberno galego retoma reiteradamente diante de cada convocatoria electoral para volvela esquecer coa resaca electoral.
Lembrou que cando Agustín Herández era conselleiro de Infraestruturas comprometérase, alá por 2011, a ter rematado o 78 por cento da obra en 2015. Dende entón, sinalou, “nada novo no relativo a Lugo dende que o goberno galego inaugurara, en xaneiro de 2017 a dita variante de Xove, e en A Coruña, en maio deste ano sometía a información pública o treito das vías de altas prestacións entre San Sadurniño e Sanguiñeira, 4 anos despois de telo anunciado.
Salienta que o abandono crónico da VAC Costa Norte “implica seguir marxinando á Mariña Occidental e Ortegal e deixando vías de comunicación deficientes, que atravesan núcleos de poboación cun trazado antigo”. Reclamou así un acordo unánime para darlle “un pulo decidido” a esta obra “para que a Xunta non a volva esquecer no tempo”.
Autovía da Mariña
A iniciativa incorporou unha emenda presentada polo PP para reclamarlle ao goberno de España a execución da Autovía da Mariña, que a portavoz socialista aceptou pero non sen antes cualificar de “hipócrita” a petición daquel partido, que se lembra desta infraestrutura só a partir da chegada do PSOE ao goberno. Espetoulle ao PP que “agora non me veñan coa historia de que estaba orzamentada, cando non fixeron nada: 0 centímetros da autovía da Mariña”.
Lembra que esta infraestrutura forma parte do “debe” dos gobernos de Mariano Rajoy, dos que o PP galego “chitón”. Criticou que o PP se demostre como “o menos positivo da historia, que pasa do negacionismo ao todo non, non e non, que primeiro critican, e cando veñen os avances son capaces de negalo” como coa chegada do AVE en 2021 ou co desbloqueo das obras da A – 54.
– Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1. Que faga unha aposta decidida, real e efectiva pola VAC Costa Norte levando a cabo, en diálogo e consenso cos concellos polos que transcorre esta infraestrutura, todas as accións precisas para rematar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte Ferrol – San Cibrao no menor tempo posible.
2. Dirixirse ao Goberno de España para que execute, no menor prazo de tempo posible, a Autovía da Mariña, a A – 74”.