Así, ás 13,00 horas, Mondoñedo acollerá o repertorio Pasodobre Chantada, The second Waltz, Abba Gold e Pasodobre de Mallou. Soarán tamén Nino Bravo en concerto, Mozos do Penedo, Santana Portrait, Himno Galego e Mi gran noche.
A Banda Municipal de Meira nace en 2002 coa creación da escola de música municipal. Cuns sesenta alumnos créase un conxunto instrumental que tras o seu concerto de fin de curso daría lugar á banda de música. Na actualidade suma 35 compoñentes e conta cunha banda infantil. O seu director é Javier García Canto.
Concerto en Sarria
Pola súa banda, a Banda de Música de Vilalba, dirixida por César Concheiro Guerrico, ofrecerá ás 13,30 horas as pezas Camino de rosas, Algueirada galega, Take on me e Nino Bravo en concerto. Completan o programa Mi tierra gallega, Cantigas e agarimos, Balada e muiñeira e YMCA. Esta formación musical ten a súa orixe na escola de música creada en 1987, despois de que a vila carecese de banda pola desaparición das últimas agrupacións coa Guerra Civil. Xa en 1991 ten lugar a súa presentación oficial.
O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.