Site icon Crónica3.com A Mariña

O Hospital Público da Mariña incorpora dous novos equipos radiocirúrxicos

Burela, 2 de setembro de 2021. O Hospital Público da Mariña conta con dous novos equipos radiocirúrxicos, cun custo superior aos 180.000 euros, que permitirán renovar o equipamento existente no bloque cirúrxico para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Os aparellos adquiridos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, así como a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

Este novo equipamento achega á sanidade pública galega as últimas ferramentas de diagnóstico e tratamento coas doses máis baixas, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos cunha maior seguridade para os pacientes.

Así o destacou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que visitou o Hospital xunto co xerente da área sanitaria, Ramón Ares, comprobando a instalación dun destes equipos.

A Xunta vén de recibir os 37 equipos radiocirúrxicos que adquiriu trala licitación por importe de 4,3 millóns de euros que foi autorizada polo Consello da Xunta do pasado 4 de marzo e que se resolveu, coa formalización dos respectivos contratos, o pasado xuño.
O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un orzamento de 60 millóns de euros.

Froito dese plan xa se acometeron neste ano outras dúas licitacións: a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias por 20,5 millóns de euros e a licitación a pasada semana da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas por un importe total de 5,6 millóns de euros.

Exit mobile version