Otero advertiu que “é fundamental ir coordinados, ir da man” coa colaboración do goberno central, pero avogou por focalizar nas competencias exclusivas da Xunta de Galicia”. Lembrou que o goberno galego ten competencia exclusiva en materia industrial, o ERE da empresa foi presentado en Galicia e sobre unha factoría localizada nesta comunidade autónoma.
Apuntou que “a Xunta non foi quen de paralizar o ERE, o que lle pedían ao goberno central no caso de Alcoa”, e engadiu que “é o momento de que lle poñan deberes á empresa para facerlle máis complicado” levar adiante este expediente.
A parlamentaria socialista lembrou que o ERE foi presentado ao mesmo tempo que a multinacional anunciaba o peche antes do remate de 2021, demostrando “mala fe cos seus traballadores”, que demostraron ao iniciar o período de consultas do ERE, cando evidenciaron que “só querían poñer o reloxo en marcha”. Esta decisión unilateral da empresa deixa a 115 persoas na rúa e asestando un “mazazo á economía da comarca da Mariña”.
Patricia Otero mantivo hoxe un encontro cos representantes do Comité de Empresa, que viaxaron ata o Parlamento para seguir o debate, e aos que lles trasladou o compromiso do Grupo Socialista e do equipo de goberno de Viveiro e da súa alcaldesa, María Loureiro.