Santiago, 7 de setembro de 2021. O voceiro de Pesca do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de denunciar a falla de investimento da Xunta nos portos de Galicia. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha pregunta na Comisión de Pesca do Parlamento, logo de verificar que durante o primeiro trimestre do ano, o goberno galego non investise “nin un só euro” e cando dispón dunha partida orzamentaria de máis de 10 millóns de euros para esta cuestión.
Isto supón, subliñou, un “desleixo de difícil explicación” para unha administración que debe xestionar o mantemento e conservación dos portos, así como unha “falla de rigorosidade” e un “exercicio laxo” na execución da partida de conservación, construción e explotación portuaria por parte do goberno galego.
Neste senso, Torrado lamentou que unha execución de “cero euros” só pode significar dúas cousas: “ou que non fixo falla investir nin un só céntimo en mellorar os portos galegos”, o cal “é difícil de crer”; ou “que o goberno galego é tan conformista como que non foi quen de investir nin un só euro desta partida”-
Ao fío disto, o responsable socialista cualificou a situación de “preocupante” e destacou que “non sabemos que vai pasar o resto do ano porque estamos no mes nove –setembro- e aínda non sabemos o gasto que se executou ata metade do ano”.
Aproveitando as circunstancias, o voceiro socialista propuxo diversas “ideas” á Xunta “por se non as teñen”. Así, destacou na necesidade de “mellorar” os terreos portuarios no Grove e Cambados; adecuar o edificio da confraría de Vilanova; crear un pantalán para o porto deportivo de Cedeira; realizar o mantemento dos accesos e terreos portuarios de uso urbano en Cariño; ou o “axeitamento” do miradoiro de Limosa en Burela.