Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello e Burela FS asinan un convenio nominativo para a promoción turística do municipio

Burela, 16 de setembro de 2021. O Concello asinou este mediodía o convenio nominativo para a promoción turística do municipio co Burela FS por importe de 15.000 euros. O equipo de goberno burelés tamén aprobou as bases para a concesión de subvencións aos clubs deportivos locais. A partida destinada a este fin en 2021 ascende a 32.000 euros, nove mil máis que no pasado ano. O concelleiro de Deportes e Turismo, Ramiro Fernández, dixo que unha vez que se publiquen no BOP os clubs disporán de 30 días para solicitar as subvencións.

O edil burelés contou que “vimos de aprobar na xunta de goberno local de onte tanto o convenio nominativo co Burela FS de promoción turística como as bases de deportes deste ano do Concello de Burela.

Este convenio que firmamos todos os anos co Burela FS está dotado de 15.000 euros. Entendemos que é unha cantidade importante coa que pretendemos que, dentro da súa actividade o Burela FS dentro das súas categorías, promocione a Burela turísticamente. É un escaparate magnífico para Burela para darse a coñecer posto que o equipo de fútbol sala é un referente a nivel nacional en todas as categorías, especialmente na feminina onde está colleitando unha grande cantidade de éxitos, e tamén o masculino está en Primeira División, co cal penso que é un escaparate perfecto para poder promocionarse por medio do deporte”.

Ramiro Fernández explicou que “aprobamos tamén as bases de deportes deste ano. Teño que destacar que somos conscientes das dificultades que pasaron a tempada anterior os equipos que non tiñan capacidade para facer esa recadación nos bares e nas billeteiras, sabemos que foi un ano moi duro para os clubs. Por iso, decidimos apostar por incrementar de modo importante a partida destinada ás subvencións aos clubs. Pasamos a 32.000 euros, o que supón un incremento con respecto ao ano anterior de 9.000 euros. Quero destacar que cando chegamos ao goberno no ano 2015 as subvencións para esta partida supoñían 12.100 euros. Agora mesmo estamos falando de 32.000 euros e calquera se fai idea da aposta firme e decidida que este equipo de goberno fai polo deporte e por axudar aos clubs que fan a súa actividade en Burela”.
O concelleiro de Deportes subliñou que “como todos os anos desde que chegamos ao goberno, facémolo dunha maneira obxectiva e de concorrencia competitiva. Son unhas bases que foron acordadas cos clubs en base a uns criterios que fixamos con eles. Estamos enormemente orgullosos deste sistema xa que está funcionando e realmente as axudas van a aqueles clubs que máis se implican e que máis éxitos conseguen. Tamén premiamos a igualdade, que as nenas teñan participación nas actividades deportivas”.

Ramiro Fernández dixo: “eu estou moi orgulloso deste sistema que implantamos cando chegamos ao goberno e que ademais é totalmente transparente, aquí non hai nada subxectivo para entregar axudas e incluso a propia oposición, tanto o BNG como o PP, teñen o seu sitio nunha comisión onde se reparten esas axudas e onde se dan puntos, que ao final son cartos que se dan aos clubs. En definitiva, é unha aposta firme e decidida polo deporte en Burela. Penso que os clubs van estar contentos co incremento importantísimo que facemos no reparto de cartos e apostamos polo deporte e demostrámolo con cartos que ao final é o que necesitan os clubs para o seu funcionamento diario, ademais doutras cousas. Intentamos apoialos en todo o que podemos”.

O edil de Deportes sinalou que “despois de aprobado onte en xunta de goberno, a partir de xa hai que facer os trámites para poder facer a súa publicación no boletín oficial da provincia. Hai que subilo á base nacional de subvencións, este é un trámite previo á súa publicación no BOP. Unha vez que saia publicado no BOP os clubs van ter trinta días para facer a súa solicitude de axuda. O prazo para a xustificación remata o 19 de novembro. É verdade que imos un pouco apurados, todos os anos se fai máis ou menos nas mesmas datas e supoño que non haberá problemas como nunca houbo con este tipo de axudas. Anunciamos que van saír publicadas no BOP proximamente e en canto saian comunicarémolo aos clubs para que poidan presentar a documentación que precisan para a súa solicitude”.

O convenio foi asinado polo alcalde, Alfredo Llano, e polo presidente do Burela FS, Manuel Blanco.

Exit mobile version