Viveiro, 18 de setembro de 2021. O Concello de Viveiro súmase aos actos con motivo do Día do Alzheimer, que se conmemora o vindeiro martes 21 de setembro. Para reivindicar esta data, a porta de Carlos V iluminarase de cor morada na noite do martes ao mércores.
“A visibilización deste tipo de doenzas é esencial para avanzar na súa investigación e no acompañamento ós doentes e familias. Por iso, dende o Concello de Viveiro sumámonos de novo á reivindicación desta enfermidade, que afecta a milleiros de persoas no noso país”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Con motivo desta data, A Cruz Roja organizará a “Andaina Alzheimer” o próximo martes 21 de setembro. A hora prevista de inicio da actividade serán as 10:30, comezando o percorrido ás 11:00 e finalizando ás 13:00. O punto de encontro será nos Castelos, para percorrer a Praia de Covas continuando por todo o paseo marítimo ata a ponte da Misericordia-Travesía da Mariña (facendo uso das beirarrúas)- Avda. Ramón Canosa- Praza do Náufrago (Celeiro). Poden sumarse entre 60 e 80 persoas a esta actividade.
A “Asociación de Familiares de personas afectadas de Alzheimer e otras demencias de Viveiro” (AFA Viveiro) ten previstas outras dúas actividades. O martes 21 de setembro habilitarán unha mesa informativa na Praza da Fontenova, en horario de mañá e de tarde.
Ademais, con motivo desta data e xunto á Federación Alzheimer Galicia, organizarán unha exposición na sala multiusos da casa do concello, dende o mércores 29 de setembro ata o martes 4 de outubro, ambos inclusive. Trátase dunha exposición itinerante que se está a mostrar por distintas localidades de Galicia.
Por último, Cruz Roja organizará o día 20 nos Xardíns de Noriega Varela unha actividade de acompañamento dixital dirixido a persoas maiores. Malia que non está vinculada directamente á conmemoración do Día do Alzheimer, o obxectivo desta iniciativa é reducir a fenda dixital entre a poboación galega.
Consistirá nuns talleres de capacitación dixital para persoas maiores co estacionamento dun microbús de 9 prazas e mesas para talleres dirixidas a un grupo de 12 persoas maiores. Os talleres terá lugar dende as 10:00 ás 15:00 horas. Toda a poboación maior de Viveiro pode achegarse durante este luns á actividade, que se enmarca no proxecto “Enredando” de Cruz Roja.