O acto contou coa presenza da Vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro Tallón, de deputados e deputadas provinciais, da Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e dos membros do Consello de Turismo, o órgano que convocou e que fallou os galardóns. Alberte Cabarcos foi o mantedor da gala, na que actuou Iria Estévez interpretando varias pezas musicais. O acto foi retransmitido por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.
As cinco entidades premiadas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.
Pilar García Porto abriu o acto destacando que “obxectivo inicial co que naceron estes galardóns viuse reforzado coa chegada da pandemia da Covid-19, pois promocionar a oferta turística e gastronómica da nosa provincia, e recoñecer aos profesionais e entidades que a impulsan, volveuse máis necesario ca nunca. Continuando coa filosofía destes premios, na Deputación de Lugo promovemos tamén outras iniciativas, con este mesmo obxectivo, como accións de formación, os Bonos Impulso ou os programas Saborea a túa provincia e Coñece a túa provincia”.
Estes galardóns “dan visibilidade á oferta da provincia nos eidos do turismo e da gastronomía. Unha proxección que ten por obxecto atraer visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego, sobre todo o emprego estable e de calidade no rural, para favorecer o equilibrio territorial e fixar poboación. Tamén queren servir como un acicate para incentivar a innovación e a modernización do sector. Que se xeren propostas novas, suxerentes, adaptadas ós novos tempos nos que unha oferta ben presentada a través dunha rede social pode ser a que xere un fluxo de visitas a un pobo, a unha ruta, a un establecemento”, explicou a Deputada.
“O perfil das candidaturas reflexa ben as características do modelo turístico e gastronómico polo que traballamos na provincia. Un turismo sostible e racional que contribúe a mover a economía local e xerar emprego no rural. Un modelo baseado nunha oferta diversificada, capaz de atraer xente ao longo do ano, e unha oferta non masificada, que se adapta moi ben ós novos modelos de ocio, centrados en recuperar a importancia da experiencia persoal”, sinalou a Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo. García Porto agradeceu “o gran traballo” dos premiados, “que contribúe a dar a coñecer esta provincia máis alá das súas fronteiras”.
Os premiados
Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir aos seguintes catro proxectos turísticos e entidades:
– O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel resultou distinguido polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico. Foi declarado en 2019 pola UNESCO o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.
– A páxina web Terras de Burón (www.terrasdeburon.es), impulsada polos concellos de Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, foi premiada polo xurado pola súa labor de fomento e promoción turística deste territorio da Montaña lucense. Esta páxina e as súas redes sociais adáptanse ás novas tecnoloxías e integra as TIC na experiencia turística.
– O Concello de Viveiro recibiu o galardón polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra no Nadal cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia. A Praza de Santa María acolle, nos meses de decembro e xaneiro, este nacemento de Cristo a tamaño real que recrea a vida cotiá en Belén. Entre as escenas que se representan atópanse O Misterio; a Anunciación aos Pastores; a Anunciación á Virxe; a visita dos Reis Magos; a Matanza dos Inocentes; e a Sala do Trono de Herodes.
– A Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, foi distinguida co premio ao turismo lucense por desenvolver iniciativas singulares en Galicia tras a recuperación dun espazo de turismo rural de 2 hectáreas de terreo e de infraestruturas que estaban abandonadas. Trátase dun proxecto que naceu hai unha década co obxectivo de recuperar a súa historia respectando as construcións do século XIX sen renunciar á modernidade e ás novas tecnoloxías.
Polo que respecta á categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foi galardoada a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) polo seu traballo de recuperación e conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, predominante a primeiros do século XX, pero que pasou a ser unha actividade residual. Na actualidade, esta entidade traballa para a preservación do patrimonio xenético desta raza, compatibilizándoa como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural. A asociación aglutina hoxe a 138 explotacións.