Viveiro, 2 de setembro de 2021. O Concello de Viveiro estará presente cun stand propio en ‘Turexpo Galicia. Salón Turístico de Galicia’, que terá lugar en Silleda do 3 ao 5 de setembro de 2021, no marco da celebración da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
A presenza de Viveiro nesta feira servirá para dinamizar o seu atractivo turístico, dando a coñecer estas celebracións e os demais recursos do municipio. Viveiro contará cun stand individual no que ofrecerán folletos promocionais e información sobre o Concello e no que se instalará unha gran pantalla na que se proxectará, de forma continuada, os vídeos de promoción turística deste municipio e mais da Semana Santa.
A concelleira de Turismo, Marisol Rey Yáñez, o 1º teniente de alcalde, Jesús Fernández Fernández, e o persoal da Oficina Municipal de Turismo estarán na feira o venres 3 de setembro. Ao longo de toda a xornada, a concelleira de Turismo reunirase con diferentes tour operadores de diversos países, como Bélxica, Francia, Irlanda, etc., co fin de promocionar internacionalmente os recursos turísticos do Concello de Viveiro.
Organizouse, así mesmo, unha degustación gratuíta de empanada de merluza e de pan dos apóstoles, que terá lugar o venres, ás 13:30 horas, e na que se ofrecerán aos visitantes unhas 300 racións de empanada e unhas 120 racións de pan dos apóstoles.
Dende o concello quérese agradecer publicamente á empresa Puerto de Celeiro SA por facilitar a merluza empregada para a elaboración das empanadas. Este ano, a diferencia de edicións anteriores, non se ofrecerá a degustación de salpicón, por resultar máis dificultoso tendo en conta a situación da pandemia e as medidas establecidas para as degustacións.
A participación nesta feira de turismo e as actividades previstas contribuirán a promocionar Viveiro como destino turístico de calidade os doces meses do ano.