Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro lamenta que a Xunta convoque de novo axudas para os municipios, que concede por orde de chegada das solicitudes, sen concorrencia competitiva e abrindo o prazo ás 12 da noite dun venres

Viveiro, 24 de setembro de 2021. O Concello de Viveiro lamenta que a Unha vez máis, a Xunta de Galicia convocase unhas axudas que se conceden por orde de chegada das solicitudes e non por concorrencia competitiva, abrindo ademais o prazo de solicitudes ás doce da noite dun venres.

En concreto, no Diario Oficial de Galicia do venres 10 de setembro de 2021 publicouse a “Resolución do 3 de setembro pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021”.

Nas bases desta subvención establecíanse dúas liñas de axudas, unha para edificios ou dependencias destinados á prestación dos servizos municipais e outra para equipamentos de titularidade municipal, como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.

O prazo de presentación de solicitudes era de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, empezando, polo tanto, o prazo para a presentación de solicitudes o sábado 11 de setembro ás 00.00 horas.

Sen embargo, o luns 13 de setembro, a Xunta de Galicia emitiu unha nota de prensa indicando que “as solicitudes de axudas por parte dos concellos para correxir impactos paisaxísticos en edificios municipais xa esgotaran o orzamento reservado a esta liña”. Nesa nota sinalábase, ademais, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu o prazo de presentación de solicitudes o sábado e que, durante as primeiras horas, recibiu preto de 30 peticións.

Esta é a primeira vez que se convocan estas axudas, polo que resulta sorprendente que o mesmo sábado, día inhábil na administración, horas despois de que se abrira o prazo de presentación das solicitudes, xa se esgotara o crédito reservado a unha das súas dúas liñas de actuación, tendo en conta, ademais, toda a documentación e trámites necesarios para cumprimentar o expediente de solicitude.

Entendendo que algún concello puidera acollerse a estas axudas con memorias ou proxectos previamente xa elaborados, resulta curioso que esta circunstancias se dese en 30 concellos, toda vez que, como xa se dixo, se trata dunha orde de nova convocatoria.

De todos xeitos, o Concello de Viveiro vai solicitar a axuda esperando que se amplíe o orzamento esgotado permitindo que o resto de concellos que presenten a súa solicitude en prazo teñan a opción de beneficiarse desta axuda.

Exit mobile version