Ribadeo, 13 de setembro de 2021. O Concello de Ribadeo anunciou as obras para a construción do edificio multiusos de Cedofeita. Os traballos comezaron fai uns días coa demolición do inmoble actual, a antiga escola unitaria da parroquia, cunha estrutura e unha carpintería moi deteriorada polo paso do tempo.
Na actualidades están iniciándose os traballos de cimentación do novo edificio, unha construción de planta baixa, cunha superficie de 130 metros cadrados, situado no mesmo lugar da parcela.O espazo principal será unha sala multiusos de 90 metros cadrados,habilitada para actividades sociais e culturais.Contará tamén cun trasteiro, dous aseos, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, e un soportal, que abrirá o edificio á zona de verde e de esparexemento que o rodea.
Desde o goberno municipal sinalan que “a construción deste edificio multiusos reverterá na dinamización e na revitalización da parroquia, e mellorará tamén as condicións de uso do parque e da pista polideportiva descuberta situadas na mesma parcela”.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, destacou que “con esta obra atendemos unha demanda dos veciños e veciñas da parroquia que mostraron un gran interese por mellorar o espazo no que desenvolvían a súa actividade comunitaria e seguimos a mellorar as infraestruturas e os servizos da zona rural do concello. Este tipo de espazos facilitan o encontro e a vida social, que son fundamentais para a calidade de vida das persoas, especialmente, para as de maior idade que poderán desfrutar aquí do seu tempo en compañía doutras”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, aludiu “ás posibilidades que o novo edificio ofrecerá para a realización das actividades promovidas pola veciñanza e tamén para as iniciativas culturais e lúdicas que impulsamos desde o Concello”.
As obras suporán un investimento de 138.000 euros, financiados a través dun convenio entre o Concello, que destina ao proxecto 40.000 de fondos propios, e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 90.000euros.
Desde o equipo de goberno tamén se quixo facer fincapé no “esforzo económico que supón esta iniciativa, que se encadra dentro das actuacións que se veñen desenvolvendo para facilitar o acceso ao ocio e á cultura a toda a veciñanza, destacando que ao longo do ano, ofrecemos unha programación cultural, diversa e de calidade, tamén no rural, e somos conscientes de que levala a cabo require de espazos axeitados, como será este”.