Mondoñedo, a 02 de setembro de 2021. A rehabilitación do patrimonio construído é un dos grandes retos das institucións, sinaladamente dos concellos. Os edificios das antigas escolas rurais ofrecen amplas posibilidades de uso, unha vez restaurados. Nesta liña, o Concello de Mondoñedo prosigue co seu plan de rehabilitación das antigas escolas e agora prepara a mellora da de Vilamor, unha construción de planta baixa, na que estaba a escola propiamente dita, e unha alta, que era a destinada vivenda.
A mellora do edificio ten un orzamento de 29.604,61 euros, dos que 26.644,15 euros se cubrirán cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A intervención nesta escola foi deseñada pensando en salvagardar tanto as características tipolóxicas construtivas e estruturais como os valores histórico-artísticos e arquitectónicos.
As obras a executar son as necesarias para dotar ao edificio das condicións para a súa habitabilidade, entre elas a reparación da cuberta de lousa. Inclúe a instalación eléctrica, fontanería, saneamento e auga quente. As obras garantirán a estanqueidade fronte á humidade, que está deteriorando paulatinamente os elementos construtivos. Igualmente, todas as estancias serán dotadas de carpinterías que permitan a correcta ventilación e iluminacións das mesmas. O proxecto inclúe tamén, entre outras intervencións, o pintado tanto exterior como interior, o alicatado alí onde é preciso e a renovación dos solos.