Foz, 16 de setembro de 2021. O Concello de Foz está a traballar nas alegacións ao parque eólico Borrasca, promovido pola industrial Greenalia e que afecta de forma moi significativa ao municipio.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa do estudo “que están a facer un gabinete xurídico e outro técnico especializados en parques eólicos, co fin de presentar un documento de alegacións serio e responsable. Traballamos sempre de forma seria e responsable. Hai un período de alegacións aberto a un proxecto de parque eólico de gran impacto no noso concello, especialmente para as parroquias de Vilaronte e San Martiño. Hai barrios, como Vilela ou A Hermida, nos que os aeroxeradores estarían moi preto das casas, a pouco máis de 500 metros, unha distancia moi escasa dada a altura dos muíños, que chega aos 180 metros”.
O rexedor municipal engade: “partimos de que a enerxía eólica é limpa, de futuro e que hai que promover. O vento é unha alternativa rendible e viable a unhas centrais térmicas e nucleares, que están desaparecendo. Pero non a calquera custo e non a costa da saúde e dos intereses das veciñas e veciños do noso concello. Ademais doutras posibles afeccións, como a zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Ría de Foz, a nosa principal preocupación estriba na reducida distancia ás vivendas, tendo en conta as dimensións dos aeroxeradores proxectados, e que poderían provocar molestias intensas de ruídos e afección paisaxística. En comunidades autónomas como Baleares, Asturias, Cantabria, Navarra ou a Comunidade Valenciana a distancia mínima a un núcleo poboado é de un quilómetro, o dobre que se esixe en Galicia. Isto é o que temos que coidar, a calidade de vida de veciñas e veciños”.
Fran Cajoto explica que “partindo desa premisa o goberno municipal encargou a dous gabinetes especializados (Surco Consulting SL para a parte xurídica e Nergetia Consultoría y Proyectos Energéticos para a parte técnica) a redacción dunhas alegacións técnicas, ben fundamentadas, que eviten un impacto negativo que ninguén quere en zonas poboadas de especial valor ambiental. Xa o fixemos coas alegacións ao proxecto de espigón da praia do Altar, elaboradas por Aquática Enxeñería, un traballo honesto, serio e responsable. Estamos para defender os intereses do concello e vámolo a seguir facendo, fóra de liortas políticas. Estaremos sempre vixiantes, estudando e analizando todos os documentos técnicos, traballando polo noso pobo”.
O alcalde de Foz informa tamén que houbo dúas publicacións do proxecto, no Boletín Oficial do Estado do 18 de agosto e no Boletín Oficial da Provincia do 24 de agosto. “Tendo en conta esta segunda publicación o período de alegacións de 30 días hábiles estendese ata o 5 de outubro, que se poden presentar na Delegación do Goberno en Galicia, na Coruña, ou nas formas que establece o artigo 16 da lei 39/2015”.
O proxecto pode consultarse na seguinte url: https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/712bb3a0102dbc08e0ed1773dc700158634e1ab5