O primeiro día o historiador e recentemente nomeado cronista oficial de Foz Xoan Ramón Férnández Pacios falará do Camiño do Mar, que “é unha nova vía de peregrinación xacobea, que sae de Ribadeo e percorre os concellos costeiros da provincia de Lugo e Coruña ata enlazar con Camiño Inglés. Este estudo do propio historiador demostra a existencia dunha nova rede hospitalaria xunto ao citado camiño e a presenza continuada de peregrinos dende o século XVI ata finais do século XVIII”, explica o concelleiro de Turismo focense, Chema Linares.
O día 2 terá lugar a seguinte charla das xornadas, a cargo do profesor e historiador Javier Castiñeiras López, un estudoso do románico especialmente no ámbito galego. “Escoitaremos como os acontecementos políticos, relixiosos, territoriais e culturais que modificaron as vellas estruturas herdadas do período altomedieval viñeron establecer uns novos criterios decorativos dados en chamarse románico e destacaremos este binomio arte/reforma no exemplo galego e de San Martiño”, engade Chema Linares.
Ampliación do Centro de Interpretación da Basílica
O edil de Turismo anuncia tamén que “previamente ao inicio das charlas terá lugar a inauguración da ampliación da información e contido do Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño. Trátase de 4 paneis informativos que fan referencia a elementos de difícil exposición non antes sinalados e que, pola importancia que teñen, non podían faltar e así amplificar a visión dos visitantes desta maxistral peza artística que é a Basílica. Os paneis están expostos nas salas do primeiro andar e na sala do Bispo, que estaban escasamente dotadas. Os primeiros fan referencia ás pinturas barrocas das capelas norte e sur, a seguinte aos canzorros interiores sobre a luxuria e aos exteriores da fachada sur, aos que non hai acceso, e na sala do Bispo un panel recolle as lendas máis coñecidas de San Gonzalo, como a do afundimento das naves normandas e a da Fonte da Zapata ou da Balea”.