As obras consisten na limpeza de marxes de 940 metros de camiños municipais, así como a renovación do firme con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor e o pintado das marxes. Fran Cajoto explica que “son dous viais moi empregados por veciñas e veciños, tanto pola maquinaria agrícola como de acceso ás vivendas. Serven tamén de conexión do barrio de Mañente coa estrada autonómica LU-152 Foz-Ferreira e coa estrada provincial LU-P-2004”. E destaca que “a obra será completa: limpeza de cunetas, aglomerado e sinalización. Para mellorar a seguridade viaria e evitar velocidades excesivas vamos dispoñer lombos de asno sinalizados, como fixemos noutras actuacións previas. Son rectas prolongadas e queremos calmar o tráfico en zonas de cruces, polo perigo supoñen”.
No momento da visita dos responsables municipais estaba moi avanzada a limpeza das cunetas e o alcalde prevé que “se as condicións meteorolóxicas o permiten durante esta semana procederase a estender o aglomerado e a obra podería quedar rematada neste mesmo mes”.