Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen destacou que o Goberno galego destinou no conxunto de Galicia dous millóns de euros a esta prestación, ampliables para atender ao 100% das solicitudes que cumpran os requisitos.
Como novidade, este ano o bono incrementouse un 10% en todos os seus tramos. Así, para un neno ou nena que vaia á escola a xornada completa con comedor, oscilará entre os 50 e os 275 euros ao mes.
Para ter dereito a esta axuda débese ter pedido antes unha praza pública, e que ou ben fose denegada ou ben non se axuste ás necesidades de horario das familias. Esta prestación é compatible con outras destinadas tamén a pagar este servizo, sempre que non se supere o custo da praza.
No curso 2020/2021 foron 168 as familias da provincia de Lugo que se beneficiaron desta medida, que na actualidade beneficia só aos primeiros fillos, xa que desde o mes de abril do ano pasado todos aqueles segundos fillos e sucesivos teñen o 100% da atención educativa gratis en calquera escola infantil, tanto pública como privada ou de iniciativa social.