Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe ao Goberno do Estado a que interveña para evitar o fechamento da fábrica de Vestas en Viveiro

Madrid, 22 de setembro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado actúe ante o fechamento da empresa Vestas, en Viveiro, e o despedimento de 115 traballadores e traballadoras. A formación nacionalista reclama a derrogación das Reformas Laborais que evitaría que a empresa puidese tomar a decisión de cesar a actividade sen control previo da autoridade laboral.

A empresa Vestas, situada na localidade de Viveiro, anunciou a súa intención de cesar a produción e fechar a fábrica de Chavín a finais de ano. Isto deixaría na rúa 115 traballadores e traballadoras nunha comarca onde o “proceso de desmantelamento industrial avanza a pasos de xigante” con EREs, fechamentos e a redor de mil postos de traballo directos perdidos en empresas referentes como Ecar, Mobles Hermida, Sargadelos, Gres Burela ou Construcións Mon.

“Curiosamente, en canto a Galiza está a enfrontar unha verdadeira ofensiva de parquers eólicos, esta empresa de aeroxeradores, que recibiu subvencións por parte da Xunta de Galiza, anuncia o fechamento, como xa fixera a fábrica de compoñentes eólicos Siemens-Gamesa nas Somozas. Non nos beneficiamos unha Tarifa Eléctrica Galega que nos abarate o prezo da luz e, polo visto, tampouco de postos de traballo asociados ao sector” explica Rego, que critica o proceso de desindustrialización que a comarca da Mariña está a vivir, ao que hai que sumar o futuro incerto da fábrica de Alcoa.

Co obxectivo de manter a actividade e salvar os postos de traballo, a organización frentista leva ao Congreso a situación de Vestas e reclama ao Goberno do Estado que interveña para evitar o fechamento da fábrica, conxuntamente como Goberno Galego. “A Xunta ten as competencias en política industrial e Feixoo non pode continuar eludindo a súa responsabilidade diante dunha situación como a da Mariña. Pola súa parte, PSOE e Podemos deben derrogar xa a Reforma Laboral lesiva do PP que, entre outras cousas, permite o cesamento da actividade de Vestas e o despedimento colectivo sen sequera autorización previa da autoridade laboral” enfatiza o deputado.

Rego lembra que, para alén de incorporalo ao Acordo de Investidura, o BNG presentou propostas para derrogar as Reformas de PP e PSOE con urxencia que recuperar -en canto non houbese un novo Estatuto do Traballo- a normativa anterior o ano 2010. “Isto suporía a recuperación de dereitos laborais e eliminar os efectos negativos da actual norma como que unha empresa poida tomar esa decisión de despedimento colectivo unilateralmente sen control da autoridade laboral” subliña.

Exit mobile version