Santiago de Compostela, 10 de setembro 2021. A portavoz parlamentaria de Facenda, Noa Presas, cualificou como “un dos meirandes escándalos do Goberno Feixóo” as axudas ás entidades bancarias para a instalación de caixeiros automáticos articuladas pola Xunta, á que acusou de “financiar con cartos públicos servizos que as entidades financeiras deberan prestar porque forman parte da súa actividade privada”.
Nunha pregunta parlamentaria na comisión de Economía da Cámara galega, Presas censurou ao Executivo de Núñez Feixóo por “premiar á banca privada” ante o grave problema que está supoñendo ao longo do país o peche de oficinas e a eliminación de caixeiros. “Diante desta situación, vostedes deciden premiar con case tres millóns de euros para os próximos anos ás entidades que están pechando oficinas e caixeiros; están a financiar que abran caixeiros nos sitios onde os pechan, é o que vostedes están facendo”, reprobou con contundencia.
A deputada nacionalista denunciou que a Xunta está a favorecer “a folla de ruta” do sector, inmerso nun proceso de “oligopolización” desde 2008, que se intensificou coa escusa da pandemia co peche de servizos, a limitación de horarios ou as comisións abusivas, e que agora avanza cara a unha “auténtica reconversión con peches indiscriminados e despedimentos masivos”.
“E diante disto vostedes favorecen esta folla de ruta, ademais, cun efecto chamada, porque lles están dicindo ‘ti pecha que nós xa pagaremos algúns cartos para que haxa algún caixeiro por aí’, extorsionando ademais aos concellos para que se adhiran a ese convenio”, censurou, logo de afear que só 30 concellos galegos se teñan adherido ao concello articulado neste sentido coa Fegamp o que, ao seu xuízo, “da idea de que incluso entre os concellos do PP, aos que están chamando a capítulo para que se adhiran, teñen vostedes éxito”.
Neste contexto, Presas acusou ao Goberno de Feixóo de “regalar o control deste país” nomeadamente a Abanca e ao seu presidente Juan Carlos Escotet, ao que segundo dixo “poñen unha alfombra vermella” non só no ámbito financeiro, senón tamén cunha “universidade privada e unha empresa privado-pública, que non público-privada, para a xestión dos fondos europeos, dos que sabe máis Escotet que este Parlamento”, recalcou.
Así se pronunciou a deputada nacionalista xusto antes de que o director xeral de Política Financeira, David Cabañó, confirmara ante as súas preguntas que Abanca obtivo a maior puntuación na convocatoria aberta para os denominados “incentivos” á instalación de caixeiros. “Se confirma vostede que Abanca é a adxudicataria deste proceso, será un síntoma máis do escándalo e da absoluta conivencia que teñen vostedes con esta entidade bancaria, como xa dixemos en reiteradas ocasións”, advertira previamente Presas.
Logo de reiterar que o BNG “non comparte esta folla de ruta”, concluíu a súa intervención reclamando ao Goberno do PP que “non faga realidade esa inxección de fondos públicos, exerzan poder político e defendan este país e non os intereses da gran banca, e exixan medidas, como facemos nós tamén, para que mentres Galiza non teñan capacidade para decidir neste ámbito, dende o Estado se fagan as modificacións necesarias para que obrigar a que haxa uns servizos mínimos”.