Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama ao Goberno do Estado a construción da A-74 na Mariña

Madrid, 7 de setembro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado e, en concreto, o Ministerio Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana impulse a tramitación das obras de construción da A-74 na Mariña e licitar o proxecto o antes posíbel. A formación nacionalista apunta a necesidade da comarca de posuír vías de comunicación que conecten as diferentes poboacións referentes no campo económico e nos servizos públicos: os portos de San Cibrao, Burela, Celeiro e Ribadeo; o Hospital da Mariña localizado en Burela; ou mesmo a factoría de aluminio en San Cibrao.

Tras a reunión dos deputados do BNG, Néstor Rego polo Congreso e Daniel Castro polo Parlamento, con representantes do tecido socioeconómico da comarca da Mariña a formación nacionalista rexistra unha nova iniciativa na cámara baixa. “As infraestruturas son un elemento fundamental para o desenvolvemento socioeconómico dun territorio. Neste caso, para A Mariña, que ten enormes potencialidades, arrastra unha discriminación histórica con obras pendentes” salienta Rego.

No que ten haber co A-74, o Goberno do Estado leva 17 anos prometendo a súa construción e, aínda que houbo moitos trámites administrativos polo camiño, aínda non se materializou o comezo das obras. “Esta autovía, conectada á Vía de Altas Prestacións propiedade da Xunta de Galiza San Cibrao-Ferrol que ten 15 quilómetros construídos dos 80 previstos, comunicaría as comarcas da Mariña, Ortegal, Ferrolterra e a cidade de Ferrol que ficaron desconectadas da A-8, a chamada Autovía do Cantábrico” explica o deputado do BNG.

“Nos Orzamentos Xerais do Estado non se consignou partida suficiente para afrontar os 242 millóns de euros que se estima pode supoñer a construción desta infraestrutura” lembra. Limitáronse, segundo explicou Rego, a contemplar unha cantidade simbólica de 100 mil euros para cada un dos tres tramos entre Barreiros e Foz. “Cantidades que, a todas luces son insuficientes para dar un verdadeiro impulso á execución desta necesaria infraestrutura que, no seu día o Goberno prometeu ter rematada en 2021” recrimina Rego.

Neste sentido, a organización frentista reclama impulsar a tramitación e iniciar as obras de construción da A-74 na Mariña coa maior brevidade e “consignar unha partida orzamentaria suficiente para acometer as obras e licitar o proxecto o antes posíbel”.

“Transcorreron 17 anos de trámites e burocracias administrativas mais agora é preciso un verdadeiro compromiso político e económico para a comarca da Mariña” salienta Néstor Rego.

Esta vía conectaría as poboacións referenciais de toda a comarca no campo económico e dos servizos públicos como poden ser a localidade de San Cibrao, Burela, Celeiro e Ribadeo por posuír un porto, e mesmo a vila de Burela onde se atopa o Hospital Comarcal da Mariña.

Exit mobile version