Neste sentido, explicou que nos últimos anos entidades financeiras e prestamistas non están comunicando aos rexistros públicos (administrativos e da Propiedade) a adquisición de inmobles froito de transmisións involuntarias, nomeadamente por execucións hipotecarias e procedementos concursais, nun contexto marcado polo incremento da morosidade e do endebedamento.
O deputado nacionalista lembrou que, segundo datos do INE, entre 2016 e 2019 incrementáronse nun 60% os procedementos de execución hipotecaria e, pese a isto, no que atinxe só a fincas rústicas, estas descenderon nun 30%. “Non é razoable pensar que incrementándose a morosidade e medrando as execucións hipotecarias, a transmisión involuntaria das execucións hipotecarias sobre fincas rústicas sufran un descenso tan importante”, alertou, logo de salientar as dificultades que provoca na identificación dos e das verdadeiras propietarias a voluntariedade da inscrición rexistral.
Tabarés explicou que o feito de que os acredores (entidades financeiras e prestamistas ou tamén entidades que mercan créditos) non comuniquen aos rexistros públicos a realidade destas transmisións provoca a imposibilidade de que os concellos localicen ás persoas ás que corresponde cumprir coas obrigas ligadas á propiedade como, por exemplo, a limpeza de parcelas, “co risco de incendios que isto implica”.
“Nos pasados meses de xuño e xullo só en cinco parroquias do Concello de Ourense se atoparon preto de 1.500 fincas sen propietario coñecido cheas de maleza e situadas en zonas con risco de incendio pola súa proximidade a núcleos habitados”, exemplificou, para a continuación subliñar que a limpeza destas parcelas, mediante execución subsidiaria, implicaría un custe superior aos 300.000 euros que habería que repercutir ás e aos “descoñecidos propietarios”.
De igual xeito, salientou que no caso de acometer obras que comprometen a estrutura de inmobles que ameacen ruína, serían exixibles as achegas precisas ás e aos propietarios, “polo que o descoñecemento destes é unha carga que tería que soportar a entidade local”, ao tempo que advertiu sobre a necesidade de reclamar o pago de obrigas fiscais, como o IBI, “que están a eludir estes novos adquirentes”.
O deputado nacionalista apuntou que o problema de identificación na propiedade afecta tamén ás comunidades de propietarios, que teñen que adiantar a parte que lle corresponde ás vivendas de propietarias e propietarios descoñecidos, “véndose na necesidade de iniciar un procedemento xudicial e de anticipar uns custes de incerta recuperación”.
Ante o veto do PP á iniciativa, Tabarés acusou á Xunta de poñer en práctica unha vez máis a súa política de “botar balóns fóra”, escudándose en que as competencias son estatais cando o imposto de transmisións patrimoniais é competencia galega e cando, ademais, podería pactar acordos neste sentido aproveitando os distintos convenios que o Goberno galego asina coas entidades financeiras. “Si que teñen competencias e a capacidade de chegar a acordos con esas entidades á que vostedes tanto subvencionan”, reprobou, para concluír reclamando ao Executivo que exerza as súas responsabilidades para contribuír a solucionar un problema “que existe e que está a causar un prexuízo enorme aos concellos e ás comunidades de propietarios”.