A Mariña, xoves 30 de setembro. Na tarde de onte os deputados do grupo parlamentario do Bng Xosé Luis Rivas “Mini”, portavoz da área de Agricultura e Gandaría e o mariñao Daniel Castro presentaron en Foz a proposición non de lei que levaron ao Parlamento para achegar solucións aos problemas orixinados na gandaría de montaña pola fauna salvaxe e que será debatida este venres. Na presentación estiveron tamén concelleiras e concelleiros do Bng na Mariña e membros da dirección comarcal.
Estratexia errada e malintencionada do PP
Desde a organización nacionalista afirman que a Xunta reacciona tarde e mal diante dos problemas que está sufrindo a gandaría polos ataques da fauna salvaxe. Neste sentido Xosé Luis Rivas afirmou que “o PP nunca optou por fortalecer a gandaría do monte nin por darlle alternativas que fixeran dela en calquera das súas diferentes variedades (vacún, cabalar, ovino e cabrún) unha actividade que asente poboación e xestione territorio”.
Neste sentido os deputados recordaron que a Consellería de Medio Ambiente deixou varios anos sen sacar liñas de axudas pra incentivar prácticas de manexo preventivo do gando como a mellor maneira de reducir e evitar os danos da fauna salvaxe, concretamente nos anos 2013, 2014, 2015 e 2018.
Para o Bng a estratexia do PP é totalmente errada porque na intencionada confrontación co goberno do Estado só buscan réditos políticos partidarios utilizando para eso ás gandeiras e gandeiros e neste caso tamén ao propio lobo.
Demandan mais medios preventivos para disuadir ataques e mais medios para compensar os danos
O Bng considera tamén que a coexistencia de especies da fauna salvaxe co gando de monte non pode ser a costa das gandeiras e gandeiros, polo que solicitan mais medios preventivos que disuadan os ataques e mais medios que compensen os danos, por eso na PNL presentada demandan tamén da Xunta establecer nas futuras ordes de axuda un criterio de conteo das vítimas dos ataques de lobo realistas que non precise da presenza e identificación de restos, que se amplíe o prazo de identificación das axudas, que se estudie cos propietarios estratexias de comercialización da carne de cabalar e vacún para obter prezos razoables e rendibles e que se inclúan nas ordes de axuda por danos o lucro cesante cunha valoración axeitada á realidade.